Unha aplicación web permite consultar as prazas hostaleiras dispoñibles en Compostela

mércores, 3 de maio do 2017 Marcus Fernández

O ano pasado o Concello de Santiago de Compostela comezou a empregar unha ferramenta en liña para coñecer en tempo real a dispoñibilidade de prazas nos establecementos hostaleiros, de xeito que o persoal de información de Turismo de Santiago tiñan un acceso áxil a esta información para comunicarlla ás persoas que preguntasen por aloxamentos dispoñibles na cidade na oficina sita na rúa do Vilar, e finalmente esta ferramenta ábrese ao público a través da web, tal e como presentou hoxe a concelleira de Turismo, María Lois, nun acto na que estiveron presentes a deseñadora da aplicación, Luz Castro, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil.
No seu primeiro ano de funcionamento, máis de 60 establecementos hostaleiros da cidade cargaron activamente os seus datos en DispoApp, informando das prazas dispoñibles que tiñan cada día. O persoal de Turismo de Santiago empregou a ferramenta para responder a máis de 10.000 consultas de turistas sobre dispoñibilidade de prazas na cidade para o mesmo día.
Tras estes bos resultados dende Turismo de Santiago decidiuse abrir ao público xeral DispoApp, que xa se pode consultar na web, de xeito, calquera persoa que chegue a Santiago sen reserva previa pode consultar en tempo real onde hai prazas dispoñibles para ese mesmo día, con todos os datos de contacto precisos para poder facer directamente co establecemento a súa reserva para ese día.

PUBLICIDADE