Unha aplicación para xestionar audiovisual e outra para facermos deporte, gañadoras da hackathon de Vigo Devs

luns, 2 de febreiro do 2015 Redacción

O grupo Vigo Devs organizou o pasado sábado a súa primeira hackathon, un evento colectivo que se celebrou no espazo de coworking Sinergia Vigo e que consistiu, basicamente, en convocar aos nosos desenvolvedores para que, por grupos, desen forma a tecnoloxías nunca vistas. A cita, que foi de balde, contou co patrocinio de Quobis e Tegnix . A operadora R e as firmas SoftWhisper, e O’Reilly foron as encargadas dos galardóns. Segundo nos conta a organización, o proxecto gañador foi MaterialMovies, un desenvolvemento para xestionarmos as nosas películas vistas, favoritas e pendentes. Veu da man de Saul @_saulmm, Abdon @abdonrd, Ismael Reyes @kix2902 e Reinaldo Aguilera @reiagilera. A ferramenta gañadora ten versión web e para Android.
Por outra banda, en segundo lugar quedou o proxecto World Fit, que consistiu na creación dunha rede social para eventos competitivos facendo uso de Google Fit API. Os usuarios, a través desta aplicación, poderán visualizar a actividade na semana en curso e o historial de retos, crear retos públicos dunha duración determinada (aos cales poden unirse outros usuarios) e consultar os desafíos nos que participan e unha listaxe dos retos públicos aos que poden unirse. O obxectivo dos seus creadores foi o de motivar á xente a facer deporte dun xeito competitivo e divertido con amigos e/ou descoñecidos desde calquera recanto do mundo. Os desenvolvedores foron César Pérez Iglesias @ouvigna, Toni Martinez Carballo @toniousli e Adam Anh Doan Kim Caramés @DkcAdam.
Para quen queira ver en que consistiu a cita de Vigo Devs celebrada esta fin de semana, dicirlle que xa hai un vídeo habilitado a xeito de resumo de actividades.

PUBLICIDADE