Un vehículo eléctrico autónomo mellorará o transporte de mercadorías na zona histórica de Compostela

xoves, 4 de novembro do 2021 Redacción

O concelleiro de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo e responsable do proxecto Smartiago, Sindo Guinarte; e Severino Castromán Souto, responsable de Administracións Públicas Galicia - Vodafone España; presentaron o proxecto para o desenvolvemento do primeiro vehículo eléctrico autónomo para mellorar o transporte de mercadorias e reducir o impacto ambiental na zona histórica de Santiago.
Vodafone España resultou adxudicataria da iniciativa SMARTiAGO
- Servizos de investigación e desenvolvemento de vehículos eléctricos autónomos modulares multifuncionais no marco dun Living Lab de loxística de última milla
, no marco do reto de mobilidade intelixente e sustentable do proxecto Smartiago, dentro dun concurso público impulsado polo Concello de Santiago de Compostela. O seu obxectivo é pór en marcha unha folla de ruta formada por un conxunto de solucións tecnolóxicas innovadoras no ámbito das Smart Cities.
A operadora propuxo unha solución tecnolóxica consistente no despregamento dun ecosistema integrado baseado nunha plataforma de xestión global, que inclúe o desenvolvemento de vehículos eléctricos e autónomos multifuncionais, ademais do control de acceso a zonas restrinxidas, monitorización de persoas e vehículos e a xestión de prazas de aparcamento. Como elemento de conexión, exponse o uso dunha plataforma de xestión avanzada, que servirá como punto de tratamento e compartición de datos, así como a análise de datos e algoritmos de predición en base á información xerada no ecosistema ou elementos externos conectados a el.
O vehículo autónomo de Vodafone, que se desenvolverá coa tecnoloxía máis innovadora, funciona a través da condución autónoma de nivel 4 sen condutor e unha unidade de control remoto do vehículo. Leva incorporadas cámaras LIDAR, un sistema de sensor que permite identificar os obxectos que ten diante, así como cámaras termodinámicas FLIR, unha ferramenta de inspección sen contacto cun bloque óptico xiratorio de 180 graos. O coche tamén leva un sistema GNSS (Sistema global de navegación por satélite) e sistema de comunicacións vía LTE para control e sensórica de vehículo. Ademais, inclúense Pods desmontables para a loxística de materiais para servizos públicos e un xeorradar que valora un posible impacto do tráfico en infraestruturas subterráneas municipais. Todo iso xunto a unha plataforma SMART que recolle os datos de todos os sensores propostos para medir o impacto e funcionamento do coche en remoto.
Vodafone desenvolverá o seu primeiro vehículo autónomo no centro histórico de Santiago, co obxectivo de mellorar o transporte de mercadorías de última milla e determinar o impacto dos vehículos nas infraestruturas da cidade. Un proxecto no que se investirán 547.909,09 euros, e que servirá como impulso para reducir a pegada de carbono e as emisións contaminantes para o medio ambiente, e, ao mesmo tempo, para optimizar a distribución das mercadorías e mellorar os niveis de conxestión urbana provocados polo tráfico.

PUBLICIDADE