Un estudo confirma que os móbiles non espían as nosas conversas

xoves, 5 de setembro do 2019 Marcus Fernández

Nos últimos anos medrou o mito de que os smartphones están a escoitar todo o que dicimos de xeito que esa información compártese logo con plataformas publicitarias, que atinarían así mellor coas demandas do público, anticipándose aos seus desexos, e para confirmar que estamos ante unha lenda urbana dende a empresa de seguridade informática Wandera realizaron unha serie de experimentos para desbotar a teoría da conspiración dos xigantes tecnolóxicos espiando as nosas conversas.
Nas probas realizadas, cun iPhone e cun smartphone de Samsung, introducían os dispositivos nunha sala na que escoitábanse en bucle anuncios de comida para mascotas, coas aplicacións de Facebook, Instagram, Chrome, SnapChat, YouTube e Amazon abertas, para comprobar se logo aparecía nos dispositivos máis publicidade de comida de mascotas, á vez que tamén analizaban o consumo de batería e datos. O experimento realizouse durante 3 días seguidos e non detectaron incrementos de anuncios de comida de mascotas nin maiores consumos de datos ou baterías ao introducir os teléfonos na sala de probas.
Conclúen que os teléfonos compórtanse igual ante o silencio que ante o son, o que serviría para confirmar que non existen as temidas escoitas (que terían un claro impacto no consumo enerxético e de datos, como cando empregamos asistentes de voz).
Con iso queren deixar claro que os xigantes tecnolóxicos non escoitan as nosas conversas simplemente porque teñen moita máis información sobre nós do que podemos pensar, e non precisan deste tipo de espionaxe para poder predicir o noso comportamento e as nosas necesidade, de aí que saiban anticiparse dun xeito que pode facernos sospeitar que nos escoitan.

PUBLICIDADE