Un estudio amosa que os móbiles interfiren cos aparellos médicos
xoves, 6 de setembro do 2007
Hai quen di que a chegada do móbiles foi un
gran paso cara a adiante no proceso de salvar vidas, tanto para que os
profesionais do sector e os servizos de emerxencias poidan seren alertados de
xeito case inmediato perante unha eventualidade. Porén, un estudo levado a cabo
por investigadores holandeses vén de probar que os celulares poden interferir coa
recuperación dos doentes, máis concretamente co funcionamento dos equipos
médicos de terapia intensiva.
Os resultados do estudo publicado este
xoves nun artigo da BBC fai referencia a un seguimento de 61 máquinas do sector
da saúde que na súa meirande parte deixaban de funcionar de xeito correcto cando
un teléfono celular se achegaba a unha distancia de entre “uns poucos centímetros” e até “tres
metros”.
Entre os equipos que acusan a devandita
sensibilidade ós móbiles inclúense respiradores artificiais, monitores dos
coidados intensivos, máquinas de diálises, marcapasos externos, máquinas de
alimentación e até humidificadores de ambientes. O gran problema destas
interferencias é que por exemplo no caso dos respiradores, seis dos nove
aparellos que foron sometidos as probas teñen unha “influencia directa” no estado do doente.
Neste eido, as autoridades sanitarias do Reino Unido advirten que “os teléfonos móbiles non deberían ser usados en áreas de terapia intensiva, coidados especiais ou unidades de bebés, nin en aqueles sitios nos que os doentes dependan de dispositivos complexos”.