UDC, CITIC e COGAMI crearán fogares dixitais plenamente accesíbeis e integradores

luns, 8 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

O reitor da Universidade da Coruña, Julio abalde, e o presidente da confederación galega COGAMI, Anxo Queiruga, formalizaron hoxe un convenio de colaboración para o impulso das novas tecnoloxías da información nos ámbitos das diversidades funcionais-coginitivas e da accesibilidade. Este impulso en contra das fendas que separan aos colectivos que representa COGAMI das vantaxes persoais das novas ferramentas materializarase a través do Centro de Investigación TIC da UDC, o CITIC, cuxo director, Manuel González Penedo, tamén estivo presente no acto de hoxe.
Desde o CITIC, en colaboración cos profesionais e usuarios de COGAMI, levaranse a cabo proxectos de investigación que fomentan o uso dos recursos dixitais para mellorar a participación e autonomía dos ditos colectivos a través de solucións baseadas nos principios do deseño universal e centrado nas necesidades e capacidades dos usuarios.
Durante a sinatura do acordo, tanto o reitor como o presidente manifestaron a súa satisfacción por esta alianza, que permitirá dotar de maior autonomía persoal a un relevante número de galegas e galegos. Pola súa banda, González Penedo explicou que no centro se está a traballar na creación dunha sala de demostradores tecnolóxicos, na que se simulará un espazo de vivenda doméstica. “Nela”, dixo, “instalaranse diferentes elementos de domótica e outros servizos TIC domésticos como asistentes por voz ou realidade virtual”. En colaboración con COGAMI e a Facultade de Ciencias da Saúde da UDC, estes servizos serán testeados e acondicionados para mellorar o seu grao de accesibilidade e definir adaptacións funcionais.
Outra liña de colaboración ten por obxectivo avaliar e desenvolver adaptacións mediante a tecnoloxía de impresión 3D. Segundo lembraron no acto de hoxe, “esta tecnoloxía está a revolucionar o eido das próteses e órteses, xa que permite unha maior personalización e adaptación das necesidades específicas de cada persoa”. Desde o CITIC traballarase no deseño e nas probas de funcionamento dos elementos creados.

PUBLICIDADE