Twitter prepara un sistema de mecenado

venres, 26 de febreiro do 2021 Marcus Fernández

Cos Super Follows Twitter podería converterse nunha plataforma de mecenado que competise duramente con Patreon

Dende Twitter están a adiantar funcionalidades que están a ultimar e que chegarán en breve á plataforma, sendo a máis importante polas súas posibles consecuencias a posibilidade de permitir a publicación de chíos que só sexan visibles a usuarios que paguen unha mensualidade de 4,99 dólares. Esta función que chamarían Super Follow, sería unha resposta de Twitter a plataforma como Patreon, de xeito que algunhas celebridades ou creadores de contidos poderían aproveitar Twitter como canle para obter ingresos directos dos seus seareiros.
A funcionalidade de pagamento podería permitir ver chíos adicionais, acceder a un grupo, recibir un boletín por correo electrónico ou incluso lucir unha insignia indicando o apoio. Esta funcionalidade parece estar moi en consonancia coa recente adquisición de Revue, unha plataforma de boletíns por correo electrónico que contaba con opcións de subscrición, e de madurar todo este concepto podería converterse nunha plataforma moi atractiva para creadores de contidos que nos últimos tempos apostaban con máis forza por plataformas como Twitch para conseguir ingresos.
A outra nova característica que estarían a ultimar sería a de Comunidades, que sería algo semellante aos grupos de Facebook, de xeito que os usuarios poderían subscribirse a temáticas do seu interese.
Os Super Follow e as Comunidades non teñen data fixada, polo que é moi probable que antes destas novidades poidamos gozar de Twitter Spaces, unha funcionalidade que permite crear conversas sonoras dende o móbil na liña da emerxente Clubhouse, e que ten previsto chegar oficialmente en marzo aos usuarios de Android (xa está dispoñible para iOS), aínda que polo momento trátase dunha funcionalidade experimental limitada a EE.UU.
Unha vez que Twitter Spaces supere as probas do seu software para iOS e Android nos EE.UU. poderían procurar un espallamento internacional desta funcionalidade, pois dese xeito poderían eclipsar a Clubhouse, que carece de aplicación para Android e case toda a súa actividade está centrada nos EE.UU., polo que unha plataforma máis universal e cunha base de usuarios xa establecida tería moito máis doada a súa consolidación.

PUBLICIDADE