Traballo habilita na súa web un servizo para procurar datos sobre ocupacións

venres, 10 de agosto do 2007 Fernando Sarasketa

Logo da posta en marcha do Portal de Emprego e de chegar ás 133 oficinais dixitais distribuídas por Galiza, a Consellería de Traballo semella seguir na teima de comunicarse cos cidadáns a través das novas ferramentas tecnolóxicas. Un exemplo disto é a posta a punto na súa páxina web dunha nova ferramenta encamiñada a facer procuras de datos sobre ocupacións máis contratadas. É dicir: estamos a falar dun servizo, Datos sobre ocupacións, destinado a demandantes de emprego interesados en tomarlle o pulso ó mercado laboral en Galiza e máis concretamente ó relacionado coa súa formación e experiencia concreta.
A ferramenta, que incorpora unha serie de indicadores desenvolvidos polo Instituto Galego de Cualificacións, serviría polo tanto para estudar as tendencias, o nivel de ocupabilidade e a temporalidade dos distintos sectores. Asemade, o servizo tamén vai encamiñado a facilitarlles o traballo ós profesionais do mercado profesional. É dicir: a “orientadores laborais, técnicos locais de emprego, axentes sociais e responsables dos departamentos de recursos humanos das compañías”, segundo informa a Consellería.

PUBLICIDADE