Tórculo celebrou unha xornada de portas abertas amosando os futuros do deseño gráfico

xoves, 11 de xuño do 2015 Redacción

O mércores 10 de xuño a empresa de comunicación gráfica Tórculo abriu as portas das súas instalacións no Polígono do Tambre (Santiago) para “amosar as posibilidades da impresión dixital no mundo da creación artística e o deseño”. A sesión de portas abertas contou co apoio de Creatividade Galega, Briefing Galego e do deseñador arxentino-catalán América Sánchez, quen impartiu unha charla. A xornada comezou precisamente co relatorio Novas e actuais tendencias en deseño impartido por Sánchez, en palabras de Tórculo “gran gurú do deseño gráfico e un dos profesionais con maior reputación neste eido de traballo”.
O relator, entre outras experiencias e conceptos, expuxo ante os profesionais reunidos en Tórculo unha escolma dos seus traballos máis significativos e referenciais, ao tempo que comentaba o proceso seguido para cada creación, cal foi a orixe de cada unha delas, e que tipo de referentes empregou en materia de tipografía. Segundo lembra Tórculo, os asistentes participaron arreo na charla-coloquio, “achegando todas as súas inquietudes e dúbidas acerca de aspectos cos que día a día teñen que lidar os profesionais do deseño gráfico”.
Na sesión, ademais do devandito, a empresa compostelá presentou a súa nova tecnoloxía de impresión dixital Canon, unha tecnoloxía a gran formato e con grande potencial para os ámbitos do deseño e a creación gráfica.
A xeira de portas abertas rematou cun obradoiro de traballo experimental no que os convidados tiveron a oportunidade de experimentar cos seus propios deseños obtendo “creacións únicas” impresas en materiais innovadores da marca Antalis, informa Tórculo, que lembra que entre os materiais empregados incluíronse madeira, plástico, aluminio ou niño de abella. Ademais, a empresa anfitrioa obsequiou aos convidados cunha colección de obras de arte presentadas en soportes orixinais e unha lámina numerada do Apóstolo Juan do deseñador América Sánchez.

PUBLICIDADE