Teresa Brianes, socia fundadora de Dos Espacios, Premio á Muller Autónoma do Ano en Galicia

martes, 28 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

Teresa Brianes, socia fundadora da empresa vilagarciá Dos Espacios, especializada en servizos de comunicación 360 e desenvolvemento integral de solucións web, recibiu este martes 28 o Premio á Muller Autónoma do Ano en Galicia que conceden AGTAMAR (Asociación Galega de Traballadores Autónomos e do Mar) e UPTA (Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos).
O presidente de UPTA, Eduardo Abad Sabarís, foi o encargado de facer entrega do galardón, nas súas palabras un recoñecemento á traxectoria de Brianes e “ao seu compromiso cun sistema de traballo baseado na conciliación entre a vida profesional e persoal”. O acto celebrouse nas instalacións da empresa.
Brianes, durante a concesión do premio, sinalou que a distinción tamén é un xeito de “recoñecer os esforzos das mulleres emprendedoras e autónomas”, e máis aínda tendo en conta que o seu equipo está formado nun 80% por mulleres. A fundadora de Dos Espacios agradeceu o premio “con alegría e responsabilidade” e recoñeceu que “emprender un proxecto como autónomo require vocación de esforzo e moita flexibilidade, hai que saber adaptarse ás dificultades do camiño para que o proxecto poida seguir adiante”.
Pola súa banda, o presidente de UPTA definiu a Brianes como unha “muller profesional, cualificada e tecnolóxica”, salientando a “súa perseveranza ao saber crear unha empresa que hoxe conta cunha ducia de empregadas e empregados, pero que foi posta en marcha, orixinalmente, por só dous socios”. Dos Espacios, dixo, é “un exemplo de crecemento e de moi bo desenvolvemento”.
Dos Espacios coa igualdade
A orixe do galardón está, como dixemos, no compromiso da empresa por botar abaixo muros de discriminación. De feito, Teresa Brianes impulsou a creación dun plan de igualdade propio en Dos Espacios hai máis de dez anos e na actualidade a empresa está en proceso de obter a certificación de Empresa Familiarmente Responsábel (EFR), que recoñece ás compañías que implantan modelos de xestión baseados na flexibilidade, o respecto e o compromiso mutuos e que permiten un equilibrio entre a vida laboral e persoal.

PUBLICIDADE