Televés superou os 23 millóns de euros de investimento na súa evolución cara á Industria 4.0

mércores, 28 de xullo do 2021 S. P.

Este mércores 28 de xullo celebrouse nas instalacións de Televés Corporación, en Santiago de Compostela, o acto público final de presentación de resultados e peche do proxecto Corp4Future. A cita contou coa presenza da directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, que tivo oportunidade de ver in situ a materialización tecnolóxica e industrial do proxecto, que colleu corpo a longo de catro anos.
Santiago Rey, director executivo de Televés Corporación, inaugurou o acto cunhas palabras de agradecemento polo “compromiso da Xunta de Galicia e da Axencia Galega de Innovación (GAIN) coa evolución tecnolóxica sostida do tecido industrial de Galicia”. Rey salientou ademais a relevancia de Corp4Future para “demostrar as capacidades e sinerxías de varias das empresas que conforman a corporación Televés”.
A través de Corp4Future, o grupo compostelán puido dar forma a unha importante parte do seu profundo plan de transformación industrial cara a unha contorna de Industria 4.0.
Corp4Future contou co respaldo da Xunta de Galicia, que incluíu a iniciativa no programa de incentivos para investimentos no ámbito da industria intelixente, tras unha convocatoria pública en concorrencia competitiva e co apoio da Axencia Galega de Innovación.
Os obxectivos do proxecto
A través desta iniciativa, as empresas encadradas na Televés Corporación que participaron como socias en Corp4Future (Televés, Tredess e Gsertel), así como as firmas que colaboraron activamente (GAINSA, ISF e GCE), tiñan ante si un reto de gran importancia: elevar a competitividade dos procesos produtivos e a eficiencia loxística empresarial a través novas tecnoloxías e métodos de fabricación, recursos entre os que se contaban a robótica colaborativa ou o IIoT (Industrial IoT). O resultado, salientou Televés, foi un rotundo éxito que ademais “dá continuidade á inercia innovadora da corporación” e “permite impulsar e facilitar en paralelo a transformación dixital integral do modelo empresarial, como paso para o sostido proceso de crecemento e diversificación no que está inmersa Televés Corporación”.
A directora de GAIN, Patricia Argerey, salientou na súa intervención a “aposta pola innovación e a Industria 4.0 de Televés”, que conta con dous proxectos apoiados no marco do programa Fábrica Intelixente e Sustentábel da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación. Argerey apuntou que estes procesos de transformación da industria galega teñen “unha gran potencialidade para o crecemento da nosa economía, xa que as solucións avanzadas que ofrece a Industria 4.0 reverten nunha redución de custos de fabricación, na posibilidade de personalizar os produtos, na apertura de novas oportunidades de negocio e no crecemento económico para Galicia”.
Pola súa banda, José Manuel Álvarez, responsable do proxecto Corp4Future realizou a presentación dos resultados finais, co visto e prace e aprobación e que se resumen na seguinte listaxe:
Liñas de actividade planificadas e executadas: 747
Macro actividades desenvolvidas: 5
Actuacións industriais significativas: 12
Adaptación de prototipos a Industria 4.0: 22
Persoal involucrado: máis de 120 persoas
Novas contratacións: máis de 25 persoas
Perfís reconvertidos: máis do 65%
Estado actual proxecto: 108%
Investimento final estimado: 23 millóns de euros.
O acto rematou cunha visita guiada polas instalacións fabrís de Televés, onde os visitantes puideron comprobar en persoa os desenvolvementos e obxectivos logrados ao longo deste catro anos de proxecto.

PUBLICIDADE