Televés comeza a implantar a súa tecnoloxía de eSaúde en fogares de Baviera

martes, 10 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

Gabriel Pollak de Cruz Vermella Baviera e Matthias Dienst de Televes Alemaña no acto de celebración do acordo

A histórica compañía Televés, referente mundial en equipamentos de telecomunicación e eSaúde, vén de formalizar un acordo con Bayerisches Rotes Kreuz (Cruz Vermella de Baviera) para pór en marcha un proxecto piloto que permitirá desenvolver Carelife no mercado alemán. En palabras de Televés, “trátase dun importante para a internacionalización do produto, que se produce logo ter validado, de maneira fidedigna, no marco do proxecto europeo Activage, a fiabilidade e robustez desta solución de eSaúde para a teleasistencia avanzada”. Como lembraremos, Carelife é un sistema intelixente de Televés para o fogar baseado na monitoraxe a distancia, avaliando de xeito autónomo a saúde e o benestar da persoa.
Segundo a compañía de Santiago, grazas a este acordo Carelife recibirá un importante impulso no mercado alemán, en virtude do papel referencial que xoga a Cruz Vermella de Baviera, provedor referente de servizos sociosanitarios, na súa contorna máis próxima.
Para o desenvolvemento do piloto equiparanse 20 fogares con sensores que permiten facer seguimento da actividade diaria das persoas, analizando os seus hábitos e rutinas para establecer parámetros que permitan, en palabras de Televés, “definir potenciais situacións de risco que activan de forma automática os recursos asistenciais, complementando así o tradicional botón de emerxencia”.
Respecto das posibilidades que se abren con este acordo en relación coa presenza da firma galega no mercado xermano, Matthias Dienst, director xerente de Televes Alemaña, explicábao deste xeito: “Estamos moi satisfeitos de iniciar esta colaboración con Bayerisches Rotes Kreuz. Por recursos, experiencia e a súa contrastada vocación de servizo, non poderiamos contar con mellor compañeiro de viaxe para desenvolver Carelife nun mercado tan esixente e, ao mesmo tempo, tan cheo de oportunidades como é o de Alemaña”.

PUBLICIDADE