Telefónica lanzará VDSL2 de 50 megas a partires de outubro

luns, 6 de agosto do 2007 Raquel Noya

A partires do vindeiro mes de outubro, logo de dar por finalizadas as primeiras probas precomerciais que está levando a cabo en Madrid, Telefónica vai lanzar a liña VDSL2 de 50 megas.
O equipo da web ADSLzone estivo probando unha das conexións “en probas” ó longo da pasada semana e segundo eles, “os resultados son bastante satisfactorios, xa que a distancia á central deixa de ser un problema debido ó despregue que está a realizar a operadora nacional na zona, instalando varios repartidores de VDSL2 en cada central”.
Actualmente, Telefónica ten máis de 50 nodos instalados e funcionando na zona urbana e nos arredores de Madrid que dispoñen de DSLAMs Huawei e repartidores Siemens ou Inelcom.
Dependendo da cantidade de aboados de cada central, a operadora ten un número determinado de repartidores asignados e debido a que as conexións empregadas son de fibra óptica, o problema da distancia física entre estes e a central non é un atranco como viña sendo ata o de agora.
Ó parecer, o VDSL2 é sensible, e só ofrece 50 megas en fogares que se atopan a menos de 500 metros aproximadamente, pero a diferenza do ADSL2+, o VDSL2 non se limita a curtos bucles, senón que pode ser empregado con calidade tamén en medias distancias.
Telefónica asegura que, unha vez finalizado o período de probas, previsto para finais de outubro, o lanzamento será progresivo a medida que se vaian habilitando centrais e nodos.
O obxectivo da operadora é que o 60 por cento da poboación acceda a 50 megas para o ano 2010, un porcentaxe similar ó que hai actualmente con usuarios que teñen cobertura de ata 20 megas con tecnoloxía ADSL2+. Na imaxe, Splitter instalado no domicilio de probas.

PUBLICIDADE