Telefónica convida aos nosos emprendedores a sumarse ao seu gran proxecto de aceleración, Galicia Open Future

venres, 6 de xuño do 2014 Fernando Sarasketa

Manuel Alonso e Edita de Lorenzo na presentación na Universidade de Vigo do espazo de coworking de Telefónica

De agora en adiante, imos escoitar falar moito de Galicia Open Future, a gran iniciativa galega de Telefónica en 2014. Trátase, para quen non o saiba, dunha palestra de proxectos do ámbito TIC, pero ante todo trátase dun espazo de crowdworking. Isto significa, en palabras de Manuel Alonso, director de Teléfonica en Galicia, que as empresas que acaden impulso en Galicia Open Future poderán traballar libremente cos profesionais que estean máis preto (na propia aceleradora) pero tamén con xente afín a milleiros de quilómetros de distancia. Galicia Open Future, unha iniciativa inserida no Pacto Dixital asinado entre unha ducia de empresas (entre as que se conta Telefónica) e AMTEGA, semella ter potencial de abondo para conectarnos co mundo en todo o sentido da expresión. Segundo lembra Manuel Alonso, temos até o 15 de xuño para presentar os nosos proxectos.
Estes proxectos, por certo, seguirán sendo propiedade nosa malia a nosa participación en Galicia Open Future. Así o quere deixar claro a operadora, que engade que a iniciativa (emprazada na Cidade de Cultura de Santiago) é ante todo “un exercicio de Responsabilidade Social Corporativa”.
-Galicia Open Future é unha aceleradora, unha incubadora, un espazo de coworking, un parque empresarial ou unha mestura de todo isto?
-Tratamos de que recolla o mellor de todos eses conceptos. Por exemplo, nós falamos de crowdworking, que significa que podes traballar en colaboración ou de xeito independente coa xente que comparte o espazo de traballo contigo, ou con xente que traballa a centos de quilómetros de ti. Galicia Open Future conecta á xente físicamente, pero tamén de xeito virtual.
-Estes días Telefónica está a presentar a iniciativa Galicia Open Future nos nosos campus e centros tecnolóxicos e de I+D? Por que precisamente aí?
-Porque queremos que todos aqueles, novos ou non tan novos, que teñan un proxecto susceptible de ser incluído neste proxecto, teñan coñecemento del, e nos campus e nos centros tecnolóxicos galegos concéntrase unha grande cantidade de talento que queremos apoiar.
-Até que día está aberto o prazo para inscribírmonos?
O prazo para a presentación das solicitudes remata o 15 de xuño.
-Cales son as preguntas que máis se repiten nos actos de presentación por parte dos estudantes e investigadores e, a maiores, potenciais aspirantes e integrantes de Galicia Open Future? Dito doutro xeito: cales son as dúbidas máis frecuentes que xorden acerca dos requirimentos para integrárense na iniciativa, as implicacións legais e comerciais, etc?
-Unha dúbida que estou atopando moito ten que ver coa propiedade industrial dos proxectos. Algúns emprendedores non saben se o feito de participar en Galicia Open Future fará que Telefónica quede con esa propiedade. Pois ben: non, en absoluto. Telefónica pon en marcha Galicia Open Future como un exercicio de Responsabilidade Social Corporativa. Non temos ningún interese en fagocitar os proxectos, que son propiedade dos seus creadores. Tamén xorde a dúbida sobre se esta axuda de Galicia Open Future é incompatible con outras axudas, que non o é, e tamén a algúns emprendedores preocúpalles o feito de que poida haber algunha obrigatoriedade de ir oito horas a traballar á sede do Gaiás. Pois non, non hai obrigatoridade.
-Galicia Open Future insírese no marco do Pacto Dixital asinado entre Telefónica e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA, xunto con outras empresas do sector. A colaboración entre Telefónica e AMTEGA vaise limitar á cesión do espazo para Galicia Open Future (a Cidade da Cultura) ou vai ter máis continuidade e alcance?
-AMTEGA é, xunto con Telefónica, a gran impulsora deste proxecto, e tamén a que se preocupou de conquerir da Administración Autonómica as dotacións económicas para axudar aos emprendedores. AMTEGA ten unha relevancia primordial nesta iniciativa, e non só seguiremos colaborando con ela, senón que o vimos facendo dende hai moito tempo. E, dende logo, é unha colaboración moi satisfactoria. Unha parte moi visible desta colaboración é, por exemplo, a extensión de banda larga no rural. É xusto afirmar que Galicia está á cabeza da banda larga rural en España grazas a AMTEGA. Telefónica aporta a súa forza como compañía, o seus coñecementos técnicos, pero AMTEGA pon os recursos públicos para logralo e, sobre todo, unha decidida vontade política.
-Temos claro que os beneficios para os nosos emprendedores, de integrárense na iniciativa que a operadora habilitará no Gaiás, serán moitos, visíbeis e de longo alcance. Pero que saca Telefónica deste apoio aos profesionais galegos con ideas innovadoras?
-Pois estar preto do talento, enriquecérmonos coa experiencia dos emprendedores e coñecer de primeira man as súas ideas, para, ao mellor, convertermos no futuro en clientes deles. Porque un emprendedor, máis que diñeiro, o que precisa son clientes, e Telefónica está disposta a facerse cliente das mellores ideas. Pero, sobre todo, é un exercicio de responsabilidade co territorio, con Galicia. Telefónica é a compañía de telecomunicacións máis galega de Galicia, nunca nos cansaremos de repetilo. Somos a operadora que máis tempo leva aquí, a que máis emprego xera, e a creación de Galicia Open Future é un xeito de lembrar esta galeguidade.
-Que cantidades de cartos vanse pór ao alcance das iniciativas participantes? Temos entendido que nun primeiro intre, Telefónica contribuirá con 2.000 euros, pero que pasará logo?
-Hai tres liñas de axudas postas en marcha pola Xunta de Galicia. Unha primeira, efectivamente, de 2.000 euros para tódolos proxectos seleccionados; outra, de 25.000 euros, para os tres mellores proxectos de cada convocatoria; e unha terceira, de 25.000 euros e con carácter de préstamo reembolsable, para cada un dos tres mellores proxectos anuais e sempre que se constitúan antes como empresa.
-Por que Telefónica elixiu Galicia para pór en marcha o primeiro proxecto Open Future a nivel estatal?
-En Galicia levamos feito un traballo previo moi importante no ámbito de emprendemento e o impulso á innovación, con iniciativas como Think Big, os proxectos galegos apoiados pola academia Wayra ou as becas Talentum. Galicia ten demostrado, ademais, o seu entusiasmo nestes eidos, como o reflexa o feito de que o 50% dos alumnos de ensinanza secundaria de toda España que participan no Think Big Schools estea aquí. Así que, dalgún xeito, a posta en marcha do Galicia Open Future é un paso máis, dende logo moi importante, nesta aposta de Telefónica polo emprendemento galego. Ademais, o sector TIC galego é moi activo en innovación e en xeración de novas iniciativas de mercado.
-Que significará para as cincuenta empresas innovadoras que se integren no seu seo?
-Pois a posibilidade de desenvolver os seus proxectos nun entorno innovador e co apoio, a formación, o alento dos profesionais dunha operadora de referencia mundial como Telefónica. Axudaremos aos emprendedores non só a mellorar as súas ideas dende o punto de vista técnico, senón a facelas viables e sostibles no tempo. Estamos interesados en ideas solventes e de futuro, xeradoras de emprego e de riqueza para Galicia.
-Brevemente e de xeito clarificador, como se traballa no seo dunha iniciativa Open Future? Que ten que non teñan outros acubillos, aceleradoras ou incubadoras?
-Creo que xa queda claro co antedito, pero a isto temos que engadir que a Xunta achega axudas económicas adicionais, e ademais os proxectos máis maduros poderán presentarse tamén a Amérigo, a rede de fondos de capital risco creada por Telefónica e especializada en tecnoloxía. Todo isto converte a Galicia Open Future no gran centro de emprendemento galego.
Cousas que debemos saber sobre Galicia Open Future
· Galicia Open Future pon en xogo beneficios para todos os implicados: para os novos empresarios TIC porque acadan os apoios e os acubillos que procuraban, e para a propia compañía porque atopa a axilidade, o dinamismo e a capacidade de acción do que en ocasións, polo seu propio tamaño, chega a carecer.
· Quen queira presentar a súa idea ou iniciativa, xa pode facelo. Os emprendedores que desexen unirse ao proxecto terán até o 15 de xuño para formalizar a súa candidatura, e dispoñen na web específica do programa de toda a documentación (requirimentos, funcionamento, etapas) que poidan chegar a precisar, galicia.openfuture.org. A idea é que a finais do verán, en setembro, o centro está xa plenamente en marcha.
· A iniciativa está aberta a todo tipo de proxectos innovadores, coa condición de que directamente ou indirectamente teñan unha forte relación coas novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). Poden ser proxectos “bastante verdes”, “maduros” ou ben “start-ups con algún cliente xa”. A premisa básica, engadiu, “é axudar a converter unha idea nunha iniciativa de mercado.
· Na primeira fase de aceleración, poderán participar un máximo de 50 proxectos, aos que se lles achegarán 2.000 euros de incentivo, accións de formación e adestramento, asistencia e apoio na maduración. Serán seis meses prorrogábeis en tres meses máis. Polo que atinxe ao segundo chanzo, os tres mellores proxectos da primeira fase recibirán neste novo treito do camiño 25.000 euros adicionais en calidade de premio ao seu labor. Nesta nova etapa, o centro pasará propiamente a ser unha aceleradora de proxectos TIC baseada nos modelos previos postos en marcha pola operadora en Europa e América Latina, un modelo que mantén as portas abertas para a colaboración con universidades, viveiros e incubadoras empresariais, colexios e asociacións empresariais.

PUBLICIDADE