Telefónica anuncia en Santander que reforzará a súa estratexia cooperativa en materia de innovación

luns, 3 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

Julio Linares, conselleiro delegado de Telefónica

Telefónica presentou este luns no marco do XXVI Encontro de Telecomunicacións da UIMP, en Santander, as liñas do seu novo ecosistema de innovación dixital destinado a cubrir as demandas dos consumidores actuais e vindeiros e de albiscar as oportunidades tecnolóxicas do futuro. A presentación veu da man de Julio Linares, conselleiro delegado de Telefónica, que fixo fincapé no principal obxectivo e razón de ser da dita estratexia: o consumidor, cada vez máis dixital e con maior poder de decisión e elección.
Este concepto deu xa, dixo, algúns exemplos concretos. É o caso de Wayra (150 emprendedores en 12 países e 12.000 proxectos propostos ao seu abeiro) ou Amérigo (ferramenta de capital risco e investimento). Tamén xorde desta filosofía que agora se reforza o espírito emprendedor que amosa dun tempo a esta parte a Campus Party, que conta con máis de 200.000 desenvolvedores en seis países distintos. Todo isto, e máis, alentará o novo ecosistema dixital de Telefónica para os vindeiros anos, unha estratexia de negocio que atende, polo miúdo, ás realidades actuais da Rede e os seus integrantes. Estes, informou, demandan cada vez máis conectividade: o 84% queren acceso no coche e o 90% quere ter sempre o seu móbil a menos de un metro de distancia as 24 horas do día. Asemade, sinalou, o 80% dos usuarios de tabletas vén a TV e usan o aparello á vez. “A tendencia releva que en Europa no ano 2015 cada usuario terá máis de cinco pantallas distintas para manexar a súas comunicacións, fronte ás 3,6% de hoxe”, engadiu.

PUBLICIDADE