Talentos Inclusivos (CITIC) mostra ferramentas de uso accesíbel e integrador nas Xornadas sobre Diversidade da UDC

xoves, 22 de decembro do 2022 S. P.

O pasado 16 de decembro o proxecto do CITIC Talentos Inclusivos participou na cuarta edición das Xornadas sobre Diversidade da Universidade da Coruña, desenvolvidas no salón de actos da Facultade de Ciencias da Educación situada no Campus de Elviña. Participaron os membros do CITIC Patricia Concheiro, Carmen Miranda, Manuel Lago e Laura Rodríguez que mostraron videoxogos adaptados acompañados dos seus elementos de control. A maior parte dos videoxogos foron desenvolvidos por alumnos e alumnas participantes no proxecto Talentos Inclusivos.
Entre os elementos expostos destacou unha aplicación de Realidade Virtual que permite realizar actividades da vida diaria a modo de videoxogo e que pode ser controlada con lentes de RV ou co movemento das mans.
Tamén se expuxeron múltiples obxectos adaptados que levaban incorporados un micro:bit ou un makey makey a modo de receptores do movemento, os cales, xunto á aplicación programativa Scracth, permitían xogar a diversos xogos de creación non profesional. Entre eles cómpre salientar premedores e teclados adaptados, un balancín e un piano de cartón con texturas incorporadas.

PUBLICIDADE