Superadas as prazas nos novos cursos TIC para maiores da Deputación de Lugo

martes, 16 de setembro do 2014 Redacción

A Deputación de Lugo, como comentabamos hai uns días dende Código Cero, ten novos cursos TIC para maiores. Trátase dunha achega múltipla de actividades (vinte en total) relacionadas coas novas tecnoloxías para persoas de máis de 55 anos e que o organismo provincial organiza a través da Fundación TIC no Centro de Innovación Social InLugo. Pois ben, semella que unha vez máis queda claro que as ferramentas e servizos dixitais interesan, e moito, aos nosos maiores. De feito, segundo informa a Deputación, os cursos xa foron obxecto de máis de 550 solicitudes en dous días, co que se superou amplamente o número de prazas dispoñíbeis.
Como resultado xeráronse listaxes de espera na práctica totalidade dos cursos previstos, “sobre todo nos de nivel avanzado”, engade o organismo que preside José Ramón Gómez Besteiro, que tamén explica que este “éxito” non é novo, senón que se repite en maior ou medida en todas estas convocatorias.
Estes novos cursos (os terceiros xa) diríxense a “aumentar a autonomía e mellorar as capacidades cognitivas e funcionais dos lucenses de máis idade, contribuíndo á comunicación e ao intercambio de ideas como mecanismos para mellorar a súa calidade de vida”, informa a Deputación. Por certo que o programa de actividades comeza este mércores 17 de setembro, coas primeiras edicións de Manéxate coas novas tecnoloxías: coñece o teu ordenador e Organízate co teu móbil, nos que tomarán parte 15 e 8 alumnos, respectivamente. O primeiro dos dous, explica o organismo provincial, está concibido para persoas que “non teñan ningún coñecemento de informática, e poidan aprender os fundamentos básicos da mesma”. Dende algo tan simple como apagar e prender un computador até o manexo do rato e a introdución en xogos e programas sinxelos. No segundo a idea é aprenderlles a tirar partido dos dispositivos móbiles para o seu día a día. Por exemplo, poñelos en disposición de facer chamadas de emerxencia ou programar alarmas. Os dous cursos desenvolveranse nas aulas de formación de InLugo entre os días 17 e 119 deste mes, en horario de 11:00 a 13:00 horas.

PUBLICIDADE