Spotify abrirase aos artistas totalmente independentes

venres, 21 de setembro do 2018 Marcus Fernández

É innegable que a industria musical mudou radicalmente nos últimos anos, deixando os soportes físicos practicamente como algo do pasado, polo que a distribución dixital e principalmente a través de servizos de streaming fíxose crucial para os artistas, que agora teñen maiores posibilidades grazas á desintermediación que facilitan algúns servizos como Spotify, que está a probar a posibilidade de que os artistas independentes poidan acceder directamente a Spotify for Artits para subir directamente as súas creacións ao servizo musical.
Spotify está a ampliar este programa en probas tras probalo cun número reducido de artistas, ofrecendo aos creadores un control total sobre como se ofrecerá a súa obra mediante streaming, podendo ver unha vista previa de como se verán os temas antes do seu lanzamento, e incluso poden controlar os metadatos asociados ás cancións. Pero non só o artistas pode controlar como se publica a súa obra, senón que tamén recibirá compensacións económicas na súa conta bancaria de xeito directo e con periodicidade mensual, sendo este servizo completamente de balde para os creadores.
Neste momento Spotify está a convidar a centos de artistas independentes de EE.UU. para probar este novo xeito de ofrecer globalmente música sen contar cunha discográfica ou distribuidora. Actualmente hai plataformas como Distrokid que facilitan o acceso a Spotify for Artists, pero o servizo ten unha cota de alta (de só 19,99 dólares), de xeito que a nova medida de Spotify sería simplemente evitar esta intermediación.

PUBLICIDADE