Sony presenta unha videocámara semiprofesional con obxectivos intercambiables

xoves, 24 de marzo do 2011 Marcus Fernández

Sony leva uns meses apostando polas lentes intercambiables en cámaras fotográficas e de vídeo, e agora quere levar esta tecnoloxía ás cámaras semiprofesionais, de xeito que presenta a videocámara NEX-FS100, que parte dun prezo de 5.850 dólares (sen obxectivo), cun sensor Super de 35mm, capaz de gravar vídeo a 1.080p a 60 imaxes por segundo a 28 Mbps en tarxetas SD ou Memory Stick, así como a través dunha saída sen compresión 4:2:2 a través de HDMI. Conta cunha pantalla LCD de 3,5 polgadas, visor con forma de tubo e micrófono de canón.
Este tipo de cámaras son altamente manexables, e a posibilidade de gozar de ópticas intercambiables (cun sistema que permite empregar case calquera lente de 35mm mediante adaptadores) incrementa a súa versatilidade, especialmente para usos creativos. Tamén integra GPS para facilitar a organización das gravacións realizadas.

A videocámara Sony NEX-FS100 facilita a creatividade grazas á súa ergonomía e aos obxectivos intercambiables

PUBLICIDADE