SmartPEME móstranos como recoñecer un ataque de phishing e como crear unha web profesional

luns, 6 de marzo do 2023 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través do programa de capacitación tecnolóxica SmartPEME, oferta cinco novas accións formativas para esta segunda semana de marzo, enmarcadas na súa carteira de obradoiros online dirixidos a persoas autónomas, pequenas e medianas empresas, profesionais e cidadanía en xeral. As accións tratarán temas como a suplantación en liña (phishing), a promoción da igualdade de xénero nun negocio, a creación dunha web profesional, a emisión de eventos a través da Rede ou a edición de vídeo.
Os obradoiros darán comezo este luns 6. O obxectivo deste primeiro curso, Ciberseguridade, o phishing, é o de dar a coñecer esta forma de ciberataque, a máis perigosa e efectiva, estudando as distintas formas nas que se pode presentar para poder identificalo con eficacia. A formación estará impartida por Manuel Freire, experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D.
O martes 7 impartiranse dous obradoiros. Na quenda de mañá a licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais, Paz Ares, dirixirá o curso Accións que promoven a igualdade de xénero no teu negocio. Nesta acción formativa explicarase como a igualdade de xénero real vai máis aló da regulación normativa e as accións positivas dentro das relacións laborais como elemento básico de actuación para integrar de modo efectivo a igualdade.
Na quenda de tarde, será María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, quen en Crea unha páxina profesional con Wordpress II amosará as posibilidades que ofrece este CMS, dende os pasos para crear un sitio web até profundar no seu deseño, desenvolvemento e xestión para conseguir unha páxina profesional e optimizada.
O xoves tamén haberá dúas accións formativas; pola mañá Manuel Freire, impartirá o curso Como emitir o teu evento en liña de forma profesional I. O obxectivo deste obradoiro é mellorar os eventos en liña que se levan a cabo cos clientes, a difusión do seu contido e calquera comunicación empresarial en liña. Finalmente pola tarde celebrarase a acción formativa Vídeo Márketing III – Vídeo edición, edita as túas gravacións de produto dirixido pola titulada superior en ensinos artísticos, Lara Taboada, na que aprenderán a realizar diferentes secuencias dun produto que queiran mostrar, a súa edición, engadir textos, iconas ou elementos gráficos que potencien o contido audiovisual.

PUBLICIDADE