SmartPEME inicia 2021 con cinco obradoiros en liña

luns, 11 de xaneiro do 2021 S. P.

SmartPEME, a rede de capacitación tecnolóxica da Deputación de Pontevedra, retoma este 11 de xaneiro a súa actividade logo da pausa de Nadal, unha actividade que por mor das circunstancias da COVID seguirá sendo online (e non primordiamente presencial nos distintos emprazamentos da rede na provincia como viña sendo habitual antes da chegada da pandemia). Até o 15 de xaneiro a oferta formativa inclúe cinco cursos sobre mercadotecnia de contidos, comercialización en liña de experiencias gastronómicas, marketplaces, impresión 3D e estratexia de palabras chave.
En concreto, este martes 12 impartirase o obradoiro Márketing de Contidos: Aprende a Diferenciarte da Competencia, a cargo de Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas.
O mércores 13 será a quenda de Comercialización en liña de Experiencias Gastronómicas, neste caso o obradoiro será impartido por Sonia Torres, técnica de Empresas e Actividades Turísticas. Pola tarde terá lugar a intervención de María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, quen falará sobre Como Vender os teus Produtos nun Marketplace.
Pola súa banda, o xoves 14, desenvolverase Impresión 3D-Introdución, impartido polo experto universitario en robótica, Manuel Freire.
Finalmente, o venres 15, o licenciado en Comunicación Audiovisual Adrián Fernández, impartirá Estratexia de Palabras chave para Posicionar o teu Negocio en liña.

PUBLICIDADE