SmartPEME capacitou en tecnoloxías a 2.400 profesionais en 2018
mércores, 23 de xaneiro do 2019
A Deputación
de Pontevedra vén de facer balance da actividade xerada polas súas
iniciativas TIC para os concellos e as empresas. Os datos foron
dados a coñecer pola presidenta da institución, Carmela Silva, quen
fixo un percorrido pola natureza e obxectivos de “dúas iniciativas
vangardistas impulsadas pola Deputación”, a disposición das
administracións locais, como son o servizo de asistencia en materia
de protección de datos e o xeoportal
IDEPO, a Infraestrutura de Datos Espaciais da Provincia de
Pontevedra. Segundo dixo, ámbalas iniciativas acadaron dende a súa
posta en marcha “resultados moi positivos”. Tamén tivo palabras
para enxalzar o labor de SmartPEME, que en 2018 deu servizo de
capacitación dixital a 2.400 profesionais.
Silva explicou que o servizo de protección de
datos para entidades locais é un servizo pioneiro na nosa terra e
ten como finalidade axudar aos concellos de menos de 50.000
habitantes na implantación das medidas necesarias para adecuarse ao
Regulamento Xeral de Protección de Datos da Unión Europea e da Lei
Orgánica de Protección de Datos Persoais e Garantía dos Dereitos
Dixitais. En concreto, tal e como informou a presidenta provincial,
“vaille facilitar ás entidades adheridas a elaboración do
rexistro de tratamentos de datos de carácter persoal, a revisión da
licitude dos tratamentos e das bases xurídicas que o sustenten, así
como analizar os riscos dos tratamentos e avaliacións de impacto na
privacidade”.
Por outra banda, a nova Infraestrutura de Datos
Espaciais (IDE) salienta polo impulso que pon en xogo en materia de
goberno e transparencia. A ferramenta, que integra nunha única base
de datos toda a información xeográfica que dispón a administración
local mediante o xeoportal web IDEPO, fornece dunha área pública e
dunha área privada, que é á que se teñen que adherir as entidades
locais para ter acceso. Carmela Silva enxalzou “a utilidade da área
privada para os concellos”, ao proporcionarlles “información
propia das súas infraestruturas, así como a xeración automática
dos informes dos bens municipais ou unidades de servizos prestados a
partir dos datos almacenados na plataforma”.
Silva tamén fixo balance do acadado a través do
programa SmartPEME (a rede de formación e adestramento TIC para
autónomos, profesionais e empresas da provincia), do servizo de
eAdministración para os concellos, do padrón municipal e do servizo
de impresión e dixitalización para entidades locais. No que
respecta a SmartPEME, a presidenta destacou que “o proxecto deu un
xiro espectacular dende que comezou a lexislatura”, significándose
como unha gran aposta pola igualdade, xa que mostra “unha paridade
total entre o persoal asesor do proxecto”. Tamén salientou que en
2018, preto de 2.400 profesionais participaron nas actividades
semanais de capacitación, un 3% máis que o ano anterior, e máis de
1.700 PEME e persoas autónomas e emprendedoras participaron no
servizo de asesoramento, un 15 % máis con respecto ao ano anterior.
Ao abeiro deste programa, Silva salientou o lanzamento da primeira
aceleradora TurisTIC e anunciou a celebración da segunda xornada
TurisTIC de Pontevedra, que se desenvolverá entre marzo e abril.