Skype traballa na tradución automática de voz

mércores, 28 de maio do 2014 Marcus Fernández

O congreso tecnolóxico organizado por All Things Digital sumou 11 edicións baixo o paraugas do The Wall Street Journal, pero tras a segregación do espazo de información do que Walt Mossberg era o principal expoñente temos que o seu congreso non desaparece e ve a luz estes días como Code Conference, servindo para que moitos dos grandes responsables de empresas tecnolóxicas responsan a preguntas de xornalistas do sector e aproveiten para realizar interesantes anuncios e presentacións, como o que fixo o novo director xeral de Microsoft, Satya Nadella, que amosou os avancen de Skype na tradución.
Nadella confía en que poidan responder aos retos do futuro confiando nos seus desenvolvementos internos, desbotando que vaian a orientar a súa estratexia de futuro na adquisición de outras compañías e comentando tamén que non pretenden desprenderse dos negocios de busca na web (Bing) e de videoxogos (Xbox) pese aos rumores que apuntaban ao contrario.
Satya Nadella, tras responder a preguntas de Walt Mossberg e Kara Swisher durante a Code Conference, deu paso a Gurdeep Singh Pall, quen fixo unha demostración na que, realizando unha videoconferencia a través de Skype, puido conversar cunha traballadora de Microsoft que falaba alemán, encargándose o sistema en recoñecer a voz de ambos interlocutores e traducir os diálogos para que cadaquén puidese superar a Torre de Babel, facendo realidade o concepto de tradutor universal que podiamos ver na ciencia ficción (como na serie de televisión de Star Trek). A tradución chegarán tanto mediante subtítulos como a través da síntese de voz, polo que resulta bastante natural.
Polo momento o tradutor de Skype é un servizo en desenvolvemento, esperándose que antes de rematar o ano estree unha beta pechada, aínda que o número de linguas entre as que a tradución será posible irá medrando paulatinamente.


Desmostración da tradución de Skype realizada durante a Code Conference

PUBLICIDADE