Sitges acollerá a estrea de The other side, curta de terror rodada integramente cun iPhone5

xoves, 10 de outubro do 2013 Redacción

O Festival de Sitges que comeza este venres 11 non só vai servir para amosar a máis salientábel produción cinematográfica recente en materia de terror e fantástico, senón tamén para evidenciar até que punto os novos formatos, soportes e linguaxes están a impoñerse nestes xéneros e xa non tanto como materia prima, aínda que tamén, como recurso visual e creativo. Un exemplo perfecto disto é a saga Rec, que arestora está a piques de concluír coa cuarta entrega e que fixo gala dun complexo ensarillado de texturas e puntos de vista (as cámaras e os móbiles dos actores) que non só enriquecían a trama senón que lle daban sentido e verosimilitude. Algo disto hai en The other side, a curta rodada con iPhone 5 que se presenta no festival e que promete “dar a sorpresa”, di o o seu creador o director zaragozano Conrad Mess.
Trátase dunha historia de terror rodada integramente cun iPhone 5 e será case con total seguridade unha das achegas que máis interese xere na Phonetastic, a sección do festival de Sitges que por vez primeira vai facer fincapé nas moitas curtas que se están a rodar hoxe en día con teléfono móbil (dándose resultados moi estimábeis), presentando unha completa escolma delas perante o público de Sitges. The other side é un exemplo disto, din os seus responsábeis.
A peza, que se proxecta o 13 de outubro, toma como base o teléfono móbil, con software FilmicPro para iPhone. Rodouse nun set de máis de 40m2 con croma e recreando todos os elementos por computador con técnicas CGI e 3D. “O resultado”, comentan os creadores, “é un inquietante filme con estética vitoriana e fondos xerados en 3D, aderezados con estilo de cómic de terror”. The other side realizouse usando as mesmas técnicas de rodaxe dunha curtametraxe de gran formato, pero de forma exclusiva pensando en Phonetastic. A curta rodouse nunha vella fábrica do pobo de Mura, na comarca do Bages (Barcelona), de só 238 habitantes. Para a rodaxe, o equipo contou coa colaboración de toda a vila, incluíndo o alcalde.

PUBLICIDADE