SetPay abre a súa solución de pagamento mediante tarxeta a aplicacións de terceiros

venres, 10 de outubro do 2014 Marcus Fernández

A solución de SetPay combina o uso de dispositivos móbiles cun lector de tarxetas

A solución compostelá para o pagamento con tarxeta bancaria SetPay, baseada nun lector de tarxetas que funciona en combinación cun dispositivo móbil con iOS ou Android co que se comunica mediante Bluetooth, non só ten como grande vantaxe o feito de permitir aceptar pagamentos en calquera curruncho no que poidamos ter acceso á Internet dende banda larga móbil ou Wi-Fi, senón que tamén está a abrirse para o seu uso dende aplicacións de terceiros, para o que veñen de publicar a súa API para desenvolvedores.
Deste xeito SetPay non se limitará a ofrecer o seu TPV móbil a PEME e autónomos, senón que tamén poderá chegar a acordos con fabricantes de aplicacións, cadeas e franquías, que poderán integrar esta solución de pagamento no seu software, agardando que antes de rematar o ano poidan anunciar xa os primeiros partners desta nova área que deron a coñecer esta semana.
Para avanzar neste ámbito SetPay tamén está a renovar a súa estrutura de comisións por operación, que agora fanse flexibles, de xeito que para un pequeno volume de operacións cobra unha comisión do 1,99%, cantidade que decrecerá a partir dos 2.000 euros en operacións até chegar a un 0,99% para un volume de operación de entre 7.001 e 10.000 euros. Estes prezos son bastante máis reducidos ao que estamos afeitos, xa que o servizo carece de custos fixos, permanencias e comisións mínimas.

SetPay facilita o pagamento con tarxeta tanto en establecementos físicos como en mobilidade

PUBLICIDADE