Servicios Reunidos, Premio Novo Empresario, e Tu Buen Camino, Iniciativa Emprendedora AJE Galicia 2023

venres, 22 de setembro do 2023 S. P.

A empresa Servicios Reunidos, da Coruña, e a santiaguesa Tu Buen Camino resultaron finalmente as gañadoras da duodécima edición do Premio Novo Empresario e Empresaria e Iniciativa Emprendedora, respectivamente, organizados por AJE Galicia. As dúas empresas recoñecidas teñen unha marcada vertente tecnolóxica. De feito, Servizos Reunidos é responsábel da innovadora plataforma Pleis.
Fundada en 2012 na Coruña por David Candal, Servicios Reunidos está especializada na xestión e optimización dos punto de venda axudando aos seus clientes para detectar e xerar oportunidades que posicionen mellor os seus produtos e facelos máis atractivos para os seus consumidores. Ademais, deseñaron e puxeron no mercado unha plataforma propia, Pleis, que proporciona información en tempo real acerca dos produtos que ofrecemos e (tamén) os da competencia.
Na categoría Iniciativa Emprendedora, o vencedor foi a empresa Tu Buen Camino, axencia de viaxes de Santiago de Compostela posta en marcha en febreiro de 2021 por Ramón Méndez, especializada no Camiño de Santiago. A súa aposta polo desenvolvemento tecnolóxico e a automatización de todos os procesos de reserva e facturación, consegue optimizar os tempos para o cliente que pode ter reservado a súa experiencia de camiño en 5 minutos.
Ao evento, que se celebrou este xoves 21 pola noite en Vigo, asistiron 200 persoas convidadas entre as que se atopaban numerosas autoridades e personalidades do ámbito empresarial como o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, entre outras e outros.
Dentro da categoría Mellor Empresario/Empresaria entregáronse tres accésits. O de Innovación foi para a viguesa ODS Protein, unha startup de Vigo. Fundada pola bióloga Iria Varela, ODS transforma residuos alimentarios en proteínas de alta calidade grazas á fermentación de fungos, elaborando un produto de proteína en po para ser incorporada en calquera alimento.
O segundo accésit, o de Responsabilidade Social Empresarial recaeu en El Cano, un proxecto de Francisco Robedro, de Ourense, especializado en deseño, desenvolvemento e construción de instalacións fotovoltaicas en altura, un innovador modelo que permite a convivencia destas coa agricultura da zona á vez que se protexe o cultivo das inclemencias climáticas. Arrincaron en 2021 con 10 empregados, pechando o 2022 con 46 traballadores en persoal.
O último accésit, o de Creación de Emprego foise este ano para Meraki, unha construtora de Rubén Ferrero, da Coruña, que ofrece proxectos "chave en man". Fundada en 2021 con 8 empregados, prevé pechar este ano con 27 traballadores.