Santiago convértese en abril nun cinematográfico obradoiro sobre datos

luns, 10 de febreiro do 2020 Fernando Sarasketa

Os datos mostran hoxe en días importantes oportunidades de desenvolvemento económico e empresarial, pero coa vantaxe, en comparación con outros recursos dos que podemos botar man, de ser sustentábeis, accesíbeis, universais e enriquecedores. Sobre esta premisa e dándolle un toque lúdico, entretido e cinematográfico, o grupo GRID da Universidade de Santiago vai desenvolver os días 27 e 28 de abril unha iniciativa de divulgación arredor do coñecemento e os tesouros que nos pon ao noso alcance: a iniciativa Stat Wars: o Imperio dos Datos.
A actividade será no Auditorio de Galicia e convócase co obxectivo de mostrar ao “alumnado de ESO e Bacharelato todas as utilidades da estatística, así como as súas aplicacións noutras disciplinas para a resolución de problemáticas habituais”.
Ambientada na coñecida saga cinematográfica Star Wars e empregando un enfoque baseado na metodoloxía “aprender-xogando”, Stat Wars porá o foco en atraer o máximo interese dos estudantes e fomentar a súa participación, “transformándoos en estatísticos por un día”, apunta a organizadora do certame Carmen Cadarso Suárez, catedrática do Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización.
Os centros de ensino interesados en participar deben contactar coa organización a través do correo electrónico proyecto.statwars@usc.es ou no teléfono 881812283 en horario de 10.00 a 14.00 horas. Esta iniciativa divulgativa conta coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía-Ministerio de Ciencia e Innovación e da Rede Nacional de Bioestatística (BIOSTATNET).
Xunto á USC, toman parte do evento as universidades e Navarra, Almería, País Vasco, Autónoma de Barcelona, Politécnica de Cataluña, Carlos III de Madrid, Salamanca, Castela-A Mancha e Valencia.

PUBLICIDADE