Santiago adxudica a Telefónica a ampliación do seu sistema de protección informática avanzada

luns, 20 de marzo do 2023 S. P.

O Concello de Santiago informou da adxudicación do contrato para ampliar a solución de protección informática avanzada (EDR, siglas de Endpoint Detection and Response) á empresa Telefónica, por un importe de 47.074,45 euros, que contempla un sistema de detección e resposta de ciberameazas para os 850 equipos de usuario da Administración local, tanto fixos como móbiles. A contratación do sistema abranguerá un período de cinco anos.
Segundo explican fontes do Consistorio, a solución EDR consiste na instalación dun software nos 850 equipos informáticos dos funcionarios conectados á rede de datos do Concello de Santiago de Compostela para posteriormente poder monitorizar de forma continua a actividade dos propios equipos.
O EDR, unha vez instalado nos equipos, mediante o módulo de detección emitirá, de forma automática, unha alerta ante calquera comportamento non habitual ou sospeitoso dos mesmos. Amais, procederá de forma automática e mediante o módulo de resposta a illar o equipo da rede de datos do Concello e a intentar atallar a incidencia reportada.
O EDR, engadiu o Concello, “non permitirá que ningún equipo este conectado ou sexa reconectado a rede de datos ata que o propio EDR non confirme que non existe ningún risco para o resto de usuarios nin para a infraestrutura informática do Concello”.
Esta solución tamén formará parte do recentemente creado Centro de Operacións de Seguridade (SOC) do Concello de Santiago de Compostela. Calquera alarma que poida xerar o EDR será trasladada, sen interacción manual, ao SOC onde se analizará con mais detalle o alcance da alerta en función da experiencia obtida a través da Rede nacional de SOCs da que forma parte o Concello.
“Coa súa adquisición e implantación o EDR convértese nunha ferramenta indispensábel da infraestrutura de ciberseguridade do Concello e contribúe a consolidar o plan de seguridade da información posto en marcha coa recente implantación do Centro de Operacións de Seguridade”, explicaron fontes do Consistorio, engadindo que esta contratación é froito do financiamento acadado a través do programa Next Generation da Unión Europea e do Convenio de Colaboración para a Implantación de Solucións de Ciberseguridade asinado no pasado mes de decembro coa Axencia para a Modernización Telefónica de Galicia (AMTEGA).

PUBLICIDADE