Samsung presenta un televisor MicroLED de 110 polgadas

xoves, 10 de decembro do 2020 Marcus Fernández

A partir de hoxe pode encargarse en Corea do Sur o novo televisor de Samsung que sorprende por integrar a tecnoloxía MicroLED nun panel de 110 polgadas. Samsung leva tempo traballando neste tecnoloxía de pantalla LED auto-emisiva, que ofrece cores máis vivas e vibrantes, así como niveis de brillo moi elevados, de aí que esta tecnoloxía estivese presente normalmente no mercado profesional, como en paneis publicitarios en centros comercias, sendo todo un fito que consigan traer o MicroLED ao mercado doméstico.
Este novo televisor MicroLED de 110 polgadas busca atender a crecente demanda de televisores de grande tamaño, conseguindo unha experiencia visual impresionante, que a primeiros de 2021 chegará ao mercado comercial. O panel deste televisor utiliza luces LED do tamaño dun micrómetro, con seguindo así eliminar o efecto de luz de fondo que caracteriza ás pantallas LED e consegue así competir coas OLED, presumindo ademais dunha grande precisión cromática e da vantaxe de empregar materiais inorgánicos, de xeito que non se degradaría co tempo, estimándose que ten unha vida útil de até 100.000 horas ou máis dunha década.
Aínda que 110 polgadas pode parecer un tamaño elevado, se falamos de televisores domésticos, ao falar de tecnoloxía MicroLED estamos realmente ante a pantalla comercial con resolución 4K máis pequena con esta tecnoloxía, e confíase en que progresivamente poidan conseguir reducir máis estes televisores até chegar a tamaños máis aptos para os fogares, o que permitiría popularizar a tecnoloxía MicroLED no futuro.
O novo televisor de Samsung quere aproveitar o seu inmenso tamaño, de xeito que as súas funcións de Smart TV inclúen Multi View, o que facilita dividir a pantalla en até 4 partes de até 55 polgadas, o que permitiría visualizar distintas fontes de contido á vez para, por exemplo, ver os resultados deportivos mentres se goza dun videoxogo.
Aparte da coidada imaxe, este televisor tamén integra Majestic Sound System, ofrecendo son 5.1 sen altofalante externo, polo que podemos entender que este televisor pode converter unha habitación nunha instalación de cine en casa.
Cómpre advertir que ao estarmos ante un produto pioneiro, non é precisamente barato, vendéndose en Corea do Sur a un prezo de 170 millóns de wons (128.839 euros).

PUBLICIDADE