SIVSA demostra o potencial dos serious games para mellorar a vida das persoas con doenzas psicolóxicas

mércores, 13 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

A empresa tecnolóxica galega SIVSA vén de desenvolver unha innovadora plataforma tecnolóxica que marca un antes e un despois no ámbito da saúde e a atención psicolóxica. Segundo informan fontes da firma con sede principal en Vigo, trátase dunha ferramenta pioneira de apoio ás decisións médicas que tira proveito dos datos clínicos e das terapias con serious games. É especialmente indicada para clínicas psicolóxicas, psiquiátricas ou de xeriatría. En palabras de SIVSA, “abre novas vías de tratamento que incorporan os beneficios da tecnoloxía ás terapias”.
Segundo explica a empresa galega, a capacidade da plataforma para mellorar a calidade de vida das persoas con doenzas psicolóxicas ou cognitivas quedou demostrada durante o seu desenvolvemento, ao abeiro do proxecto Gamapea, no que demostrou a súa eficacia na aplicación de xogos serios na prevención da depresión, a estimulación cognitiva e a adopción de hábitos de vida saudábel. “Os resultados obtidos”, engade SIVSA, “abren novas vías de tratamento en especialidades como a psicoloxía, a psiquiatría ou a xeriatría, e certifican os beneficios de incorporar novas tecnoloxías ás terapias”.
En termos máis concretos, a solución tecnolóxica integra resultados de probas médicas e diagnósticas, que pode cotexar cos datos extraídos de dinámicas de xogos serios aplicadas en pacientes. “Isto permite ao profesional sanitario avaliar, realizar un seguimento e comprobar como reacciona un paciente ao tratamento prescrito para adoptar as melloras ou axustes necesarios”, explica SIVSA, engadindo que o sistema tamén “posibilita acceder en tempo real aos datos clínicos, as 24 horas do día, desde calquera dispositivo e lugar, co único requisito dunha conexión a Internet, facilitando a toma de decisións ao dispor dos datos aloxados e centralizados nun mesmo recanto”.
Como dixemos, a plataforma foi desenvolvida como parte do proxecto Gamapea, que promove o envellecemento activo a través de terapias cognitivo-conductuais, e impulsado en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, Imatia, a Fundación Ramón Domínguez e Gradiant.
As súas funcionalidades foron probadas durante o estudo clínico do proxecto, desenvolvido pola USC nun centenar de pacientes galegos de máis de 45 anos, que foron sometidos a terapias a través dun videoxogo baseado no Camiño de Santiago, lográndose, en palabras de SIVSA, “un éxito sen precedentes en canto a resultados e un alto grao de adherencia, con tan só tres abandonos, un feito insólito neste tipo de investigacións e atribuíbel á atractiva temática e estrutura do xogo”.
Os pacientes foron divididos en dous grupos: intervención e control. No primeiro, recibiron un programa psicolóxico cognitivo-conductual a través do videoxogo cunha app complementaria, que propuña tarefas para practicar habilidades na vida real. No grupo de control, por outra banda, só se lles facilitou información sobre o envellecemento activo a través dunha aplicación informática. “A melloría nos pacientes do grupo de intervención tratados co videoxogo foi moi superior aos que pertencían ao grupo de control que non o empregaron na súa terapia”, explica SIVSA, engadindo que “os primeiros experimentaron melloras en todos os parámetros estudados (habilidades sociais, hábitos de sono, capacidade para detectar pensamentos positivos, memoria, etc.)”.

PUBLICIDADE