SIVSA, Televés e o IGAPE salientaron en Santiago as melloras competitivas da innovación continua

mércores, 14 de decembro do 2016 Redacción

Este 13 de decembro celebrouse en Santiago un encontro dirixido a pór de manifesto a importancia de mirar cara adiante, cara a novos produtos e novos xeitos de facer eses produtos, no ámbito das empresas. A xornada, desenvolvida baixo o epígrafe Innovar é aforrar, veu da man da Asociación para o Progreso da Dirección (APD) e centrouse sobre todo en facer fincapé nos beneficios financeiros e fiscais. Participaron senlleiras empresas do sector das TIC, como por exemplo SIVSA ou Televés, amosando cadansúas estratexias innovadoras e, tamén, as vantaxes que pon en xogo ter sempre presente unha metodoloxía de traballo creativa.
Tamén participou o director do IGAPE, Javier Aguilera, quen lembrou aos presentes que “a innovación continua e a transferencia de tecnoloxía son as principais claves para asegurar a mellora da competitividade no ámbito da Industria 4.0”. Tamén destacou as múltiples vantaxes da devandita fórmula de traballo á hora de incrementar a eficiencia, a eficacia e a sustentabilidade.
A xornada tamén incluíu o desenvolvemento de dúas mesas redondas nas que participaron representantes do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade e da Axencia Estatal de Administración Tributaria; da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI); profesionais expertos en fiscalidade e financiamento de proxectos de I+D+i; e representantes de empresas como Castrosúa, CLESA ou as devanditas SIVSA e Televés.

PUBLICIDADE