Ricardo Cao, único matemático de España que entra no Institute of Mathematical Statistics este ano
luns, 25 de abril do 2022
O
catedrático da Universidade da Coruña e investigador do Centro de
Investigación TIC,
Ricardo Cao, foi elixido membro (Fellow) do Institute of
Mathematical Statistics (Estados Unidos), sendo o único español
que integra a listaxe das corenta designacións seleccionadas de todo
o mundo este ano.
Esta
distinción, segundo destaca a UDC “das maiores que pode obter un
estatístico a nivel mundial”, recoñece “as contribucións
fundamentais á teoría e á práctica do bootstrap e a
estimación non paramétrica de funcións e o distinguido servizo á
comunidade estatística internacional” de Ricardo Cao.
No
caso de España só hai oito investigadores que foran elixidos polo
IMS, catro deles xa falecidos, pois esta distinción vense facendo
desde hai máis de 85 anos.
“A
designación de Fellow do Institute of Mathematical Statistics
que conceden expertos estatísticos internacionais constitúe unha
gran honra”, valorou o profesor Cao. Cada proposta é avaliada por
un comité de pares que teñen en conta a relevancia demostrada en
investigación e liderado de cada candidatura e que influíran
profundamente neste campo.
Creado
en 1935, o Institute of Mathematical Statistics é unha organización
que fomenta o desenvolvemento e a difusión da teoría e as
aplicacións da estatística e a probabilidade. O IMS ten 4.200
membros activos en todo o mundo. O IMS edita Annals of
Mathematical Statistics, a publicación estatística máis
influínte do mundo.
Ricardo
Cao Abad é profesor de Estatística e Investigación de Operacións
na Facultade de Informática da Universidade da Coruña desde 1991.
Coordinador do Grupo de investigación Modelización, Optimización e
Inferencia Estatística, as súas liñas de investigación abranguen
a Estatística non paramétrica, o bootstrap, a análise de
supervivencia, a análise de datos funcionais, a análise estatística
de datos de gran volume (Big Data), a
análise de datos dependentes, a verosimilitude empírica e o
modelado estatístico en ciencias dos materiais, en risco de crédito,
en epidemioloxía, en xenómica, e neurociencia e en malherboloxía.
Na
actualidade é editor asociado das revistas TEST e
Computational Statistics. Anteriormente foi editor xefe das
publicacións TEST, Computational Statistics e Journal of
Nonparametric Statistics. A súa docencia céntrase no Mestrado
Interuniversitario de Técnicas Estatísticas, co-organizado polas
tres universidades galegas, así como no Mestrado Universitario de
Bioinformática para as Ciencias da Saúde da Universidade da Coruña
e no Grao de Ciencia e Enxeñaría de Datos da Universidade da
Coruña.
Desde
marzo de 2020 é o presidente do comité de expertos da Acción
Matemática contra o Coronavirus creado polo Comité Español de
Matemáticas (CEMat).