Ricardo Cao, distinguido pola SEIO pola súas contribucións en múltiples eidos da estatística
martes, 12 de xullo do 2022
A
entidade estatal SEIO
(Sociedade de Estatística e Investigación Operativa) vén de facer
público a concesión dunh das súas medallas anuais ao profesor da
Universidade da Coruña e investigador do CITIC Ricardo Cao. Esta
distinción recoñece o labor dos socios da SEIO que “contribuísen
de forma relevante e continuada ao avance e á proxección da
Estatística e a Investigación Operativa, no ámbito nacional e
internacional, como disciplinas científicas”.
O
xurado do premio concedeulle a Medalla a Ricardo Cao “pola súa
contribución sobresaliente en múltiples áreas da estatística como
os métodos non paramétricos, os métodos de remostreo, a
verosimilitude empírica, a análise de supervivencia, a análise de
datos funcionais e a análise estatística de grandes conxuntos de
datos e as súas aplicacións á xenómica, neurociencias,
epidemioloxía, oncoloxía, etc., cun destacado recoñecemento
internacional”.
Ademais
recoñecen “o seu liderado na coordinación de grupos de
investigación así como do comité de expertos de Acción Matemática
contra o Coronavirus do CEMAT, do que foi nomeado presidente, e a súa
ampla experiencia na transferencia de coñecemento a outros ámbitos,
como as ciencias da saúde ou a enxeñaría naval”.
A
SEIO pon en valor o fomento por parte de Ricardo Cao dun amplo equipo
de colaboradores internacionais, “sendo integrante moi activo de
varias sociedades científicas internacionais”. Foi presidente de
ECAS (European Courses in Advanced Statistics) e é membro electo do
prestixioso Institute of Mathematical Statistics (IMS), sendo así
recoñecida internacionalmente a súa contribución ao
desenvolvemento da estatística. Cao ten desenvolvido unha importante
actividade na SEIO, foi editor xefe de TEST e actualmente é editor
asociado. Amais, foi editor xefe e editor asociado doutras revistas
internacionais de recoñecido prestixio.
A
SEIO concede dúas medallas, sendo distinguido ademais de Ricardo
Cao, Ángel Corberán Salvador. As medallas, xunto cos Premios
SEIO-Fundación BBVA entregaranse nunha cerimonia solemne que terá
lugar na sede da Fundación BBVA en Madrid, no Palacio do Marqués de
Salamanca.
Ricardo
Cao Abad é profesor de Estatística e Investigación de Operacións
na Facultade de Informática da Universidade da Coruña desde 1991.
Coordinador do Grupo de investigación Modelización, Optimización e
Inferencia Estatística, asociado ao Centro de Investigación en TIC
(CITIC), a súa docencia céntrase no Máster Interuniversitario de
Técnicas Estatísticas, coorganizado polas tres universidades
galegas, así como no Máster Universitario de Bioinformática para
as Ciencias da Saúde da Universidade da Coruña e no Grao de Ciencia
e Enxeñaría de Datos da Universidade da Coruña. Desde marzo de
2020 é o presidente do comité de expertos da Acción Matemática
contra o Coronavirus creado polo Comité Español de Matemáticas
(CEMAT).
