Reza Malekzadeh, de Nimbula, estará o venres en Santiago para afondar na computación na nube

xoves, 4 de novembro do 2010 Fernando Sarasketa

Reza Malekzadeh, vicepresidente de Marketing de Nimbula, a empresa de ventas en liña que está a competir en igualdade de condicións con Amazon, estará este venres en Compostela para presentar un informe sobre as vantaxes e funcionalidades da computación en liña. A cita cos profesionais galegos do sector tecnolóxico-dixital, prevista para as 12 horas, desenvolverase na sede de FEUGA (Fundación Empresa Universidade Galega), entidade organizadora da xornada xunto coa Fundación da Innovación Bankinter. Máis polo miúdo, Malekzadeh participará na posta en longo na nosa terra da última entrega do Future Trends Forum (FTF), espazo para o intercambio de coñecemento promovido pola devandita entidade financeira.
A publicación, informa FEUGA, é un estudo pormenorizado das vantaxes da computación en liña (Cloud Computing), que non é outra cousa que un aproveitamento das redes para dar acubillo e acceso máis universal aos recursos para a mellora empresarial que antes se ofrecían de xeito fragmentado.
Segundo conta FEUGA, este tipo de computación pode ser a resposta a un boa parte dos problemas achegados pola crise produtiva, ao supoñer o traslado á rede de calquera proceso necesario para unha empresa (xestión, promoción, control), cun probable abaratamento dos custes, xa que o usuarios só pagan en función dos servizos que empregue a través do seu computador, PDA ou teléfono móbil. A idea fundamental desta nova estratexia universal é que calquera cousa que poida facerse en informática, nomeadamente todo o que teña que ver coa xestión empresarial, poida levarse á nube, ou sexa, ás redes.

PUBLICIDADE