Remata o segundo Foro INDCREA cun chamamento a impulsar a nosa terra dende a innovación cultural

venres, 20 de xullo do 2012 Redacción

Chegou á súa fin a segunda edición do Foro Internacional INDCREA, organizado polo Consello da Cultura galega e a Consellería de Cultura (axencia AGADIC) na Illa de San Simón co obxectivo de materializar novos xeitos de rendibilizar a nosa cultura e adaptala aos contornos da innovación e da comunicación dixital. Entre o máis salientábel do fornecido polo foro, cóntase sen dúbida a elaboración dun documento de conclusións, da man do comité científico da xuntanza, no que se defende o valor da cultura como vía para xerar negocio. Asemade, constatouse a preocupación da industria audiovisual contra as vindeiras subas de 13 puntos no IVE (do 8 ao 21% en todo tipo de espectáculos culturais) e defendeuse, unanimemente, un papel máis activo e decidido das industrias do sector no pulo de Galicia.
O encontro, que reuniu a máis de 50 especialistas do ámbito galego e internacional, artellouse en15 sesións de traballo nas que se abordou o potencial da ligazón cultura-innovación como piar de desenvolvemento futuro, alternativo e ceibe, baseado en dous ingredientes sen data de caducidade: coñecemento e colaboración.
Segundo se fai saber dende AGADIC, o devandito escrito refírese ao novo paradigma de comunicación cultural, no que entran como fortes condicionantes os novos soportes (redes sociais, pantallas, smartphones…) para determinar unha bidireccionalidade nas mensaxes que achega unha utilidade potencial moi elevada para os emisores. Do mesmo xeito, o encontro serviu para perfilar ao consumidor do século XXI como máis formado, informado e esixente. “É un consumidor global que fai uso das novas tecnoloxías”, dise no documento. Nel tamén se especifica que por estes motivos, polo acceso total á Sociedade da Información, fanse máis necesarios que nunca recursos que fagan máis doado un consumo intelixente e racional, respectuoso cos contidos e os autores.
Organizado polo Consello da Cultura Galega, a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e a Fundación Illa de San Simón, o proxecto INDCREA é unha iniciativa do Laboratorio Permanente de Industrias Culturais (LAPIC) que ten como obxectivo analizar e atopar novas fórmulas (a través do debate, a reflexión e mesmo a investigación) que permitan enfrontar con éxito os desafíos de futuro das industrias culturais e creativas, un sector estratéxico en Galicia non só polo seu capital artístico senón tamén pola importancia do tecido produtivo relacionado, e que se caracteriza por unha grande capacidade de xeración de emprego e de resistencia á crise económica.

PUBLICIDADE