Redelibros permítenos crear a nosa propia tenda en liña, de balde

luns, 30 de abril do 2012 Raquel Noya

Segundo van quedando menos días para celebrar unha nova edición do Día das Letras Galegas, a case tódolos internautas nos resulta practicamente inevitable buscar na Rede información sobre o homenaxeado, (que por certo este ano é Valentín Paz Andrade), non vaia ser que chegue o día e nos pillen sen saber algo da súa vida e obras máis importantes.
Tamén soe ser bastante común que, nos días previos e posteriores ao evento, aos máis “ilustrados” lles entran as ganas de escribir e chegar a ser, algún día, os protagonistas desta data tan sinalada para tódolos galegos e galegas, que normalmente, ao igual que ocorre coas boas intencións de primeiros de ano, acaba por ser substituída por outros hobbys menos escravos.
Porén para aquelas persoas que perseveran na aventura de deixar pegada literaria na nosa lingua e non abandonan o vicio de escribir perante a primeira dificultade que atopan no camiño, a Rede ten á súa disposición un amplo abano de posibilidades e portas nas que petar, entre as que hoxe citamos a de Redelibros, que dende o pasado mes de marzo permítelles aos seus usuarios abrir de balde a súa propia tenda en liña.
Si ledes ben!. A rede social galega do libro ofrécelle a calquera persoa interesada, ben sexa autora, editora, vendedora, ilustradora ou que exerza outra profesión relacionada co sector, abrir a súa propia plataforma de comercio electrónico, dende a que promover e ofrecer os seus produtos e servizos en todo o mundo.
O único que hai que facer é entrar en Redelibros (na sección As miñas tendas); crear unha páxina persoal co deseño que mellor lle acaia ao negocio en liña; e rexistrarse en Paypal; do resto xa se encarga Redelibros, é dicir, pon a plataforma de venda, a infraestrutura para pagos (Paypal ou tarxeta), e mesmo a propia web para que os usuarios poidan promover os seus produtos e servizos.
De cada venda que o usuario realice, Redelibros recibirá o 10% do PVP “en concepto de comisión”, aseguran, salvo que a firma sexa libraría, editorial ou entidade colaboradora, que nese caso non pagaría nada.
Algunhas das tendas máis populares que xa se crearon no marco desta iniciativa son, amais da tenda de seu de Redelibros, La tienda de Pablo, A porta verde do sétimo andar, A tenda de contos estraños, A tenda de Fran, ou Axouxere.

PUBLICIDADE