Realme clona o MagSafe de Apple

mércores, 4 de agosto do 2021 Marcus Fernández

Como un xeito de aproveitar mellor a carga por indución dende Apple definiron o MagSafe, un sistema de carga sen fíos que incorporando un imán circular facilita a boa colocación dos dispositivos durante a carga, evitando así accidentes e conseguindo unha maior eficiencia enerxética, e dende Realme non tiveron ningún pudor en imitar esta tecnoloxía e mesmo mellorala con MagDart, que presume de ser «o primeiro cargador magnético, sen fíos e de carga rápida para Android».
Estamos ante cargadores sen fíos e outros dispositivos que tamén empregan imáns para adherirse ao Realme Flash, un teléfono conceptual da marca chinesa que conta con carga rápida MagDart de 50 watts, moi superior aos 15 watts de MagSafe, aínda que se queremos gozar desta tecnoloxía nun dos móbiles insignia da compañía, o Realme GT, chegaría con adquirir unha funda que engade a compatibilidade con MagDart.
Aínda que o produto máis rechamante dos presentados por Realme sería o cargador sen fíos MagDart de 50 watts, estamos ante un accesorio voluminoso que incluso integra un sistema de refrixeración mediante aire, polo que parece un produto orientado case exclusivamente a usuarios que gusten de empregar o móbil para xogar de xeito intensivo; mentres que para usuarios máis ordinarios teríamos un cargador MagDart de 15 watts e só 3,9 milímetros de grosor, que ao prescindir da refrixeración por aire sería silencioso e delgado. Este cargador tamén pode combinarse cunha base para convertelo nunha estación de carga vertical.
Ao igual que acontece cos iPhone 12, o MagDart tamén pode aproveitarse para outros accesorios, como a carteira MagDart (un peto traseiro de coiro que pode almacenar até 3 tarxetas e que tamén inclúe unha peaña) e a iluminación MagDart (un foco de 60 LED que pode xirarse para iluminar o obxectivo da cámara traseira ou da frontal).

JPEG - 74.6 KB
Realme non esquece o aproveitamento do MagDart para outros accesorios

PUBLICIDADE