Rapidshare quere pórlle freo ao libre intercambio de arquivos protexidos

martes, 27 de abril do 2010 Fernando Sarasketa

Devagar, a Rede vai pechando unhas portas para o libre intercambio de ficheiros ao mesmo tempo que abre outras. Para os que crían que o sitio de descargas Rapidshare ía ser sempre un acceso libre, se cadra xa é hora de que vaian petando noutra entrada. De feito, segundo se conta en medios como Elpais.es, a plataforma está a informar aos seus usuarios, polo medio de advertencias a webs que fan emprego dela sen atrancos, que é recomendable que interrompan até novo aviso este tipo de uso e que non lle dean acubillo a dominios que sexan susceptibles de confusión co seu nome comercial.
Como se pode supoñer, a medida de Rapidshare insírese nunha tentativa de contar co apoio do sector da industria cultural, a quen lle preocupa (e moito) o que a comunidade internauta anda a facer coas licenzas pechadas de protección de dereitos (copyright), licenzas que en opinión da industria non están ben salvagardadas en sitios en liña como Rapidshare.
E máis se temos en conta que a plataforma xermana serviu nos últimos tempos como refuxio para a libre descarga de moitos internautas franceses á fuxida dos regulamentos estatais que penalizan estas prácticas. Lembrar que Rapidshare foi hai pouco denunciada por un colectivo de editores alemáns que querían impedir o intercambio de 150 libros dixitais.

PUBLICIDADE