R leva a súa experiencia en Intelixencia Artificial ao sector seguros no congreso Data4Insurance

venres, 17 de marzo do 2023 Lucía Villaverde

O congreso Data4Insurance, organizado por Big Data Magazine (publicación especializada en temas de IA e datos) reuniu este xoves 17 de marzo, no madrileño auditorio La Matriz, a expertos de R xunto a especialistas do máis alto nivel de toda España, que ofreceron o seu coñecemento, visión estratéxica e experiencia relativas ás aplicacións da Intelixencia Artificial no sector dos seguros.
Adrián Bertol, responsábel de vendas de IA e Analítica de R, incidiu no momento clave que afrontan hoxe en día as empresas de seguros: “Dispoñen de datos con moito valor e aínda non é tarde para que comecen a usalos, mais corren o risco de non ser tan competitivas se non implantan unha estratexia de uso do dato xa. As principais aseguradoras xa o fixeron”.
No congreso desenvolvéronse catro mesas redondas que abordaron os temas da automatización do uso de Machine Learning; ata que punto poden revolucionar este sector asegurador a IA e os datos; cales son as claves do tratamento dos datos (goberno e cultura) nas compañías aseguradoras e, finalmente, como articular ética e transparencia nas decisións do algoritmo en seguros.
Alberto Díaz Freire, responsábel de Alianzas e Transformación Dixital de empresas de R, participou na mesa redonda sobre a Automatización do uso de modelos de Machine Learning no sector seguros, e falou das vantaxes do AutoML, que permite ás pemes desenvolver un sistema propio de IA preciso, seguro e rendíbel.
En Data4insurance falouse, en suma, de funcionalidades e aplicacións da IA que lles permitirán ás compañías resolver algunhas das súas preocupacións principais. Como se explicou no foro, a IA axudaraos, entre outras cousas, a predicir provisións segundo o custo dos sinistros e en función de cada tipo de póliza, ou a anticipar a fraude en reclamacións para automatizar os pagos desas demandas.

PUBLICIDADE