R conseguiu xuntar 450 empresas na edición máis virtual das súas Xornadas Tecnolóxicas

xoves, 29 de outubro do 2020 S. P.

Até 450 empresas de todo o ámbito estatal seguiron finalmente nas Xornadas Tecnolóxicas R, organizadas pola operadora galega e centradas na Intelixencia Artificial. Os encontros desenvolvéronse nun edificio virtual con espazos para conferencias, exposicións e networking, coas empresas participantes conectándose a través dunha plataforma e pudendo participar nos diferentes espazos.
Entre as conclusións que se tiraron do encontro figuran as seguintes: que a IA está xa ao alcance de todas es empresas e que as máquinas e sistemas con capacidade de aprender fan que as decisións empresariais melloren a experiencia dos clientes e a eficacia dos negocios.
Dirixidas aos negocios interesadas en iniciar, ou que xa iniciaran, un proceso de dixitalización, baixo o lema Data Driven Company, benvido ao futuro dixital, nas xornadas tamén se abordaron cuestións referidas á xestión do dato como panca clave para o crecemento e competitividade das empresas. Nuria Oliver, enxeñeira de Telecomunicación, doutora polo Media Lab do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT), investigadora, divulgadora científico-tecnolóxica e recoñecida experta en Intelixencia Artificial e Big Data, foi a encargada de abrir a xornada nunha plataforma Teams que foi quen de recrear un auditorio real, co fin de facer máis doada a comunicación co público e máis o acceso. A conferenciante partiu da visión sobre o mundo en que vivimos e a influencia que ten na nosa sociedade e nas nosas vidas a Intelixencia Artificial. Oliver asegurou que nos agarda un escenario cheo de oportunidades, marcado pola tecnoloxía móbil, a conectividade e pola circulación dunha cantidade inxente e diversa de datos. Para facer fiábeis e comprensíbeis eses datos, dixo, “hai que analizalos e para iso é necesaria a Intelixencia Artificial”, que está no corazón da Cuarta Revolución Industrial na que estamos mergullados.
Segundo fixo saber, “as tecnoloxías con capacidade de aprendizaxe, de analizar datos e extraer conclusións xogan o mesmo papel que xogou a electricidade na Segunda Revolución Industrial, porque estamos ante unha disciplina transversal que se pode aplicar en calquera ámbito, a calquera sector da economía”. Trátase dun ámbito invisíbel, engadiu, “porque é software, pódese adaptar a calquera ámbito diverso, pode evolucionar e é ampliábel segundo as necesidades”.
Sobre a importancia do dato e de como facilitar a posta en marcha dos proxectos baseados en datos nas empresas falou Alberto Rezola, fundador e socio de Datu(a) Merkatu. Explicou como a clave do éxito está en dispor do dato dun xeito simple, contando cunha empresa especializada e unha plataforma como Mileva, que é a arquitectura tecnolóxica dispoñíbel como servizo que R, en alianza con Datu(a) Merkatu, facilita ás empresas. Trátase dunha solución converxente que é capaz dunha grande inxesta de información a través de dispositivos IoT (Internet das Cousas), para almacenala, utilizala e xerar información útil (Big Data) e dotala dunha capa de Intelixencia Artificial ligada a dar soluciones que se xeran con eses datos.
Na axenda tamén se falou dos beneficios de aplicar a IA nas empresas. Pablo Gutiérrez, de Datarobot, explicou como estas tecnoloxías axudan a facer medrar os negocios, a mellorar a eficiencia e a construír novos servizos partindo do dato.

Experiencia de empresas

As máis de 450 empresas asistentes ás xornadas coñeceron, tamén, de primeira man, algunhas experiencias reais de aplicación de Big Data, IoT e IA. En nome de Ebroker falou o seu director executivo (CEO) Higinio Iglesias, quen explicou como a súa empresa especializada en solucións tecnolóxicas para a xestión integral dos corredores de seguros abordou co Grupo Euskaltel, ao que R pertence, e Datu(a) o proxecto denominado SegData, baseado na plataforma Mileva “porque a explotación do dato é o futuro do seguro”.
Con SegData quere achegar ás empresas clientes do sector do aseguramento beneficio empresarial a través da intelixencia do dato, analizándoo e transformándoo en coñecemento. Iglesias pechou a súa intervención asegurando que “neste momento de transformación dixital, as empresas que ofrecemos servizos tecnolóxicos non temos mellor futuro que axudar os nosos clientes a construír o seu”.
Pola súa banda, Víctor Lorenzo, director do departamento TI do Grupo Cuevas, empresa galega da industria agroalimentaria con máis de 150 anos de historia, asegurou que se foron adaptado a cada momento histórico e que a dixitalización supuxo un reto e unha oportunidade. No seu caso, implantaron un sistema para preparar os pedidos con precisión e grazas a el conseguiron un 95 % menos de erros na súa preparación e unha optimización das rutas de distribución cun aforro económico próximo ao 28 %.
Ignacio Vilaplana, responsábel de BAI Analytics, encargouse de pechar a sección adicada ás experiencias de empresas detallando o enfoque da IA en R e no Grupo Euskaltel. “A nivel interno, traballamos na normalización do uso da IA. Somos un equipo pequeno, mais traballamos de forma transversal e involucramos todas as áreas da organización”. Deste xeito, foron quen de acadar unha “mellora na toma de decisións para optimizar a experiencia do cliente”. A nivel externo, engadiu, “BAI Analytics é o instrumento que R pon a disposición das empresas para que accedan a esta tecnoloxía e que poidan acometer proxectos a curto prazo e con menos investimentos”.
Pola súa banda, Isidro Fernández de la Calle, director corporativo Empresas de R e do Grupo Euskaltel, explicou os obxectivos destas Xornadas Tecnolóxicas, que se celebran dende hai xa 10 anos: “Son unhas sesións especiais pola oportunidade de estar preto das empresas. Serven para compartir cos nosos clientes as posibilidades que as tecnoloxías nos ofrecen, proxectos que nos sirvan de inspiración para abordar novos retos. Teñen tamén por obxectivo validar de primeira man se imos polo bo camiño nas nosas apostas estratéxicas, nos produtos e servizos que estamos a desenvolver ou na política de alianzas e partners”.

PUBLICIDADE