Publican unha táboa de compatibilidade de ultraportátiles con Mac OS X

xoves, 18 de decembro do 2008 Marcus Fernández

A instalación de Mac OS X en ordenadores non fabricados por Apple é unha práctica moi espallada nos últimos meses, e moitos usuarios se lanzaron a trasladala aos ultraportátiles de baixo custo polo mero feito de que Apple non comercializa ningún equipo que entre nesta categoría, e así atopamos curiosidades coma un MSI Wind debidamente tuneado para facerse pasar por un Macbook Nano.
Ante as dificultades atopadas en distintos ultraportátiles, e en vista de que se van vender bastante ben durante estas datas, dende BoingBoing publicaron unha táboa na que se poden ver distintos equipos e o seu nivel de compatibilidade co sistema operativo de Apple, resultando claramente vencedor o MSI Wind (que en España se vende baixo as marcas Advent, Ahtec e Medion), seguido polo Dell Mini 9 (que tamén goza de boa compatibilidade co Leopard). O resto de equipos non chegan a operar ao 100% aínda que algúns dos atrancos atopados se poden superar dun xeito ou outro (por exemplo, cambiando a tarxeta Wi-Fi no caso de que sexa incompatible, ou utilizando dispositivos externos para suplir as funcionalidades perdidas).
A táboa non pode ser exhaustiva e totalmente exacta (pois a compatibilidade de hardware con Mac OS X é algo que evoluciona constantemente) pero pode resultar de utilidade para os usuarios que teñan pensado empregar o seu ultraportátil coma se fose un Mac.

PUBLICIDADE