Proxecto Raia: novas tecnoloxías para protexer e coñecer o noso mar

luns, 14 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

A costa galega, todos puidemos vivilo de preto, non está ceibe de agresións medio ambientais. Máis ben o contrario: ao lixo e ao ladrillo que lle botamos, cómpre engadir o que nos poden botar outros, que non é pouco. Combater isto último a través dunha detección eficaz de vertidos é un dos obxectivos dun desenvolvemento tecnolóxico que ten implicados a un bo número de investigadores do noso país, do resto do Estado e de Portugal. Falamos do Proxecto Raia, iniciativa que permitiría localizar cun 35% de posibilidades de acerto a traxectoria que vai seguir un hipotético derramamento contaminante na nosa costa.
No proxecto está a traballar arreo un equipo do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), que ten entre os seus cometidos a extracción e análise de todo tipo de información xerada polo noso litoral, tanto no que se refire ao clima como ás correntes e a biodiversidade que o habita. Estes datos, recollidos por boias específicas, subminístranse cada dez minutos aos computadores do servizo MeteoGalicia e aos equipos do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, que forma parte do CSIC. A información xerada, logo dunha serie de operacións informáticas, permite elaborar predicións fiables e saber o desprazamento e destino dos vertidos na nosa costa. As vantaxes disto son moitas, aínda que a máis visible radica no moito que se facilitaría o traballo das persoas e dos equipos que se dedican a loitar de xeito directo contra estas incidencias.
Con todo, cómpre sinalar que a loita contra a contaminación non é a única finalidade do Proxecto Raia, xa que achega importantes potencialidades para elaborar prognósticos sobre o comportamento vindeiro das correntes, a densidade ou a salinidade do mar, e tamén para facer análises sobre a calidade de auga. Asemade, outra das funcións desta iniciativa é xerar novas ferramentas para a esculca do noso mar e o rexistro de datos de valor sobre o mesmo, favorecendo e mellorando as predicións.
O Proxecto Raia, iniciativa portuguesa-española para esculcar nas características da costa Atlántica, conta para o seu desenvolvemento cunha ducia de entidades de investigación, incluída a Universidade de Vigo e o devandito CSIC. O programa está coordinado por MeteoGalicia e é obxecto de apoio orzamentario por parte da Unión Europea.

PUBLICIDADE