Primux Tech amosa as súas últimas novidades en trebellos nunha nova entrega dos Mércores da Tecnópole

luns, 16 de decembro do 2013 Redacción

Aparellos de Primux Tech nunha imaxe de Miguel Villar para La Voz de Galicia

A derradeira sesión do ano do ciclo Os mércores de Tecnópole -que se celebra este mércores día 18 ás 12 horas- estará presidida pola tecnolóxica galega Primux Tech, na que presentará a súa nova gama de tablets de altas prestacións e baixo custo. Logo de sacar á venda hai un par de meses a súa liña de smartphones, a empresa (con sede no ourensán Parque Tecnolóxico de Galicia), procura rachar o mercado de Nadal das tablets electrónicas con tecnoloxía galega de última xeración a prezos mini.
Asemade, Daniel Rodríguez -socio da compañía- exporá a experiencia de poñer en marcha unha empresa de tecnoloxía 100% galega e Javier Bordejé -director técnico- desenvolverá a diferenza competitiva que máis vantaxe lles achega no mercado amais dos seus axustados prezos: o seu servizo post-venda, que garante a reparación ou cambio do terminal nun prazo máximo de 72 horas.
Engadir que Primux Tech sorteará entre os asistentes un dos smartphones da súa última gama, lanzada ao mercado hai só un par de meses. Trátase do Primux Tech Delta2, con pantalla de 3,5 polgadas, 4XB de memoria flash (ampliable a 32XB mediante tarxeta microSD), 512MB de memoria RAM e unha batería que lle confire unha autonomía en espera de 7 días.

PUBLICIDADE