Preséntase no CITIC o proxecto GEMA, financiado por GAIN a través de Conecta PEME

luns, 29 de xullo do 2019 Redacción

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña acolleu na mañá deste luns 29 de xullo a presentación do proxecto de investigación GEMA: GEstión de la MOvilidad, destinado a optimizar o día a día das empresas con traballadores en mobilidade. O proxecto, segundo se lembrou hoxe, obtivo un financiamento de case 800.000 euros por parte da GAIN (Axencia Galega de Innovación), co apoio da Consellería de Economía e con co-financiamento dos Fondos FEDER, a través do programa Conecta PEME. No acto estiveron presentes representantes das cinco entidades que participan no proxecto: o CITIC, Enxenio, GESUGA, Mayores Servicios Sociales e Taprega.
GEMA, que comezou a súa andaina o pasado mes de marzo e rematará en febreiro do 2020, abordará catro retos de investigación: a planificación intelixente de roteiros, axendas e horarios; a etiquetaxe semántica automática de traxectoria; a representación, almacenamento e explotación eficiente de traxectorias, e o desenvolvemento automatizado de software de Movile Worforce Management. “O resultado ten que ser unha aplicación válida para calquera outra empresa que teña traballadores en mobilidade”, destacou Nieves Brisaboa, investigadora do CITIC e catedrática da área de Linguaxes e Sistemas Informáticos da UDC que, ademais, engade que “este proxecto deixará pegada, xa que vai favorecer á mellora da calidade e eficiencia dos servizos”.
Conecta PEME
O programa Conecta PEME, encargado de subvencionar este proxecto, fomenta a cooperación entre as pemes e os demais axentes do sistema rexional de innovación a través do apoio a proxectos de I+D+i orientados ao mercado e aliñados cos retos e prioridades identificados na RIS3 para Galicia. Ademais, estas axudas están co-financiadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

PUBLICIDADE