Presentado en Vigo un proxecto pioneiro de recarga multimedia do coche eléctrico

martes, 22 de maio do 2012 Raquel Noya

Se pensabamos que o último en tecnoloxía para vehículos era a recarga eléctrica en electroliñeiras espalladas polas cidades, estamos moi, pero que moi equivocados: iso xa é para xente “pouco cool”: non é que agora non se leven os coches eléctricos, nin os centros de recarga eléctrica de baterías para vehículos, si que se levan, pero é que o último berro en tecnoloxía para o automóbil é a que permite a recarga multimedia a unísono, é dicir, o aproveitamento do cable empregado na recarga do vehículo eléctrico para a descarga de contidos multimedia, como películas ou música, que amenicen os nosos traxectos.
Este proxecto innovador, desenvolvido por Telefónica en colaboración co CTAG (Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia) e a empresa viguesa Welgood Solutions, foi presentado esta mesma mañá en Vigo, e complétase con outras funcionalidades como a reserva de praza de aparcamento dende o móbil, o acceso, a saída e o pago do parking tamén dende o móbil, e cun sistema de GPS que nos guía ata a praza reservada.
As funcionalidades vense moi detalladas nun vídeo que os creadores do proxecto subiron a YouTube, no que se demostra o doado que resulta facer a recarga multimedia e a selección de contidos dende a mesma pantalla do coche ou por medio dunha aplicación no móbil, e pagar comodamente dende o terminal.
O pago das descargas realízase mediante Pagos Movistar no momento da selección, de maneira que os contidos quedan preparados para a descarga, que se iniciará cando o usuario enchufa o seu vehículo á alimentación eléctrica do aparcamento.
Deste xeito, de forma simultánea obtéñense contidos multimedia e cárgase a batería do coche eléctrico; un proceso que o usuario pode controlar remotamente dende o móbil en tempo real, comprobando o estado tanto da carga das baterías como da descarga de contidos.
No referente á reserva de praza no aparcadoiro, tamén é unha xestión que se pode facer ben dende a pantalla do vehículo ou ben dende o móbil, podendo incluír as características desexadas (carga rápida ou lenta, por exemplo) e a localidade na que se desexe aparcar.
Esta posibilidade complétase co acceso ao parking por medio de NFC, é dicir, a barreira ábrese con só aproximar o móbil ao lector do posto de acceso, e a visión dun plano na pantalla do coche que guía ata a praza reservada.
A recarga multimedia do coche eléctrico só se implantou por agora no aparcadoiro de Welgood na rúa Policarpo Sanz en Vigo e nun vehículo real.


Vídeo explicativo do sistema

PUBLICIDADE