Preparan un smartphone 5G con teclado QWERTY que pode correr Android 11 ou Linux
venres, 15 de xaneiro do 2021
O
fabricante británico Planet Computers ten unha campaña de micromecenado en
Indiegogo para facer realidade no mes de marzo o Astro Slide
5G Transformer, un smartphone 5G con teclado QWERTY que pode adoptar unha
forma semellante á dun mini-ordenador portátil e, de feito, non só funciona con
Android 11, senón que tamén ten a opción de configurarse con arranque múltiple
para poder correr tamén Linux, de xeito que podemos velo como un ordenador de
peto.
Este curioso produto ten unha pantalla táctil AMOLED Full HD+ de 6,39 polgadas,
procesador MediaTek Dimensity 800 (compatible con 5G), 8 GB de RAM, 128 GB de
almacenamento interno (ampliable mediante microSD), cámara traseira de 48
Mpíxeles, cámara frontal de 13 Mpíxeles, toma para auriculares, radio FM, Bluetooth
5.1, Wi-Fi 6, NFC, lector de impresións dixitais integrado no botón de
acendido, batería de 3.500 mAh con carga sen fíos de 10 watts e soporte para 2
tarxetas nano SIM e 1 eSIM. Aparte de poder cargarse por USB-C este tipo de
conector tamén pode empregarse como saída de vídeo de contar co cable correspondente.
Aínda que estamos ante un tipo de produto que parecía ser cousa do pasado, parece
existir un nicho de mercado para os móbiles con teclado completo (así como para
ordenadores de peto), de aí que a campaña de micromecenado conte con preto de
2.600 mecenas que achegaron preto de 1,4 millóns de euros para poder facerse
cun destes dispositivos que aínda poden encargarse por a partir de 491 euros,
estando previsto que no verán estea dispoñible no mercado por un prezo que
podería chegar aos 819 euros.
Vídeo da campaña de micromecenado