Premiados na USC dous proxectos de investigación histórica e de innovación tecnolóxica en reputación en liña

venres, 27 de febreiro do 2015 Redacción

Esta semana pechouse na Universidade de Santiago a segunda entrega do programa Argos, que impulsou a creación de equipos de persoas emprendedoras para o desenvolvemento de negocios innovadores e con potencial rendíbel. O peche da segunda edición formalizouse cunha entrega de premios, cos que se quixeron recoñecer as iniciativas emprendedoras máis salientábeis. Por unha banda distinguiuse o proxecto Nexos, promovido por Balbina Gándara Antelo e Jessica Méndez Lema, unha proposta para rendibilizar a investigación histórica, e pola outra Nostraker, impulsada por Iván Dobarro Montaña e María Cruz Negreira Ruíz, que consiste nun proxecto que segue e avalía as opinións de servizos tecnolóxicos.
Nexos e Nostraker impuxéronse nas modalidades Argos Enxeño e Argos Spin, respectivamente. Cada premio, informa a USC, supón unha achega en metálico de 3.000 euros, seis meses de acceso de balde a espazos de acubillo e asistencia técnica durante o proceso de constitución da empresa.
Nun plano máis detallado, Nexos propón traballar en actividades de investigación histórica con aplicacións nos ámbitos do dereito, a documentación de bens do patrimonio cultural, a comunicación empresarial e institucional e a xenealoxía. Nostraker é un proxecto emprendedor orientado á oferta de produtos e servizos de innovación tecnolóxica para o seguimento e a análise da reputación en liña. Argos convocou dúas categorías segundo a orixe da idea de negocio: Argos Spin, para proxectos empresariais xurdidos a partir dalgún resultado de investigación xerado na USC; e Argos Enxeño, dirixido aos proxectos xurdidos das ideas de negocio achegadas polos participantes no programa.
Xunto estas dúas propostas outros tres proxectos completaron o programa de Argos: Mobiliza -empresa de reinserción social e laboral de ex reclusos-, na convocatoria de Argos Enxeño, e Advanced Optical Solutions (AOS) - solucións ópticas avanzadas no eido da visión e a oftalmoloxía - e Silicon Design Solutions, Arithmetic Processors -solucións globais de calidade a través da utilización de resultados de investigación punteiros- na de Argos Spin, que recibiron un diploma acreditativo de ter completado as distintas etapas de Argos.
O reitor Juan Viaño presidiu a entrega de premios aos equipos de emprendedores resultantes nun acto no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome. Tamén interviñeron a concelleira de Educación e Xuventude do Concello de Santiago, Maite Cancelo Márquez; o director de Servizos da Axencia Galega de Innovación, José Manuel Abella Anido; o director de Competitividade do IGAPE, Norberto Penedo Rey; e o director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE), José Luis Villaverde Acuña.

PUBLICIDADE