Ponteareas quere implantar o servizo de eAdministración da Deputación de Pontevedra

xoves, 17 de novembro do 2016 Redacción

Os pasados días a Deputación de Pontevedra presentou o servizo de implantación, uso e soporte das ferramentas de Administración Electrónica que a entidade dispoñibiliza para os concellos de menos de 50.000 habitantes. Entre os concellos que están a solicitar a súa adhesión a este servizo atópase o de Ponteareas, que este xoves 17 explicou polo miúdo os obxectivos da dita petición e as principais vantaxes da mesma. Segundo lembrou o Goberno local, este ten entre os seus desafíos máis inmediatos implantar a sede electrónica municipal.
A eSede en cuestión abranguerá a habilitación dun rexistro electrónico e un completo portal do cidadán, entre outras ferramentas, para o vindeiro ano. “Deste xeito”, informa o Concello, “accederiamos de balde nos seus primeiros anos de funcionamento a unha solución para dar cumprimento á nova Lei de Procedemento Administrativo”.
A maiores, o Consistorio tamén medita contemplar o desenvolvemento da eAdministración a través das liñas estratéxicas do DUSI, Hábitat Saudábel”.
Segundo explica o concelleiro de Novas Tecnolóxicas, Benito Márquez, “Ponteareas ten máis de 23.000 e por estas e outras razóns precisa dun novo sistema adaptado aos tempos”. Segundo engade, “é a nosa prioridade modernizar o sistema para achegar a administración cara a veciñanza e, por tanto, desenvolver un dereito tan básico como o acceso en igualdade de condicións á administración”.

PUBLICIDADE