Poio reclama a Movistar a dotación de fibra óptica nos lugares do concello que aínda carecen dela

venres, 17 de xullo do 2020 S. P.

O Concello de Poio quere mellorar a cobertura tecnolóxica no seu territorio, garantindo a dispoñibilidade dos máis óptimos accesos ás redes para todos os fogares e empresas, mesmo para as emprazadas nos recantos máis afastados da contorna urbana. Seguindo este fío, o Concello anunciou que vai remitir á operadora Movistar un escrito para instala a habilitar fibra óptica nas zonas “que hoxe aínda carecen de cobertura axeitada, malia contarse, na maioría dos casos, coas infraestruturas necesarias”. A tenente de alcalde e concelleira de Servizos e Obras, Chelo Besada, lembrou que as previsións que a entidade manexaba no seu momento eran de dotar a prestación ao 100% do ámbito municipal.
A edil recordou tamén que o Concello de Poio iniciou hai máis de dez anos os trámites e actuacións necesarias para que as parroquias da vila contasen con fibra óptica: “Empezamos con estas xestións en 2009 e a día de hoxe temos cuberto unha gran parte de todo o territorio municipal”. Porén, quixo destacar que malia os esforzos desenvolvidos en emprazamentos e zonas da súa titularidade, “hai lugares que dependen outras administracións”. Este, dixo, é o caso da zona de Covelo (Samieira), na que “a veciñanza reclama a dotación de fibra e cobertura axeitadas”. Segundo informou, nesta zona o servizo é achegado por unha empresa privada que “se rexe por motivos económicos, e cando hai dificultades, nós sempre tratamos de mediar, mesmo á hora de facilitar a dotación de terreos para a instalación de postes e cableado cando existe algunha reticencia por parte de propietarios”.
A edil mostrou o seu interese en facer que toda veciñanza dispoña dunha conexión a Internet destas características, un “ben básico para o sector comercial e empresarial e para os particulares”, que, durante o confinamento, “víronse na obriga de teletraballar e teleformarse” e puideron comprobar, novamente, o fundamental que é contar con conexións que cumpran un mínimo de calidade.
A tenente de alcalde entende que, para chegar ao 100% de cobertura no concello, é preciso que sexa “a empresa responsábel quen subministre o servizo, máxime tendo en conta que existe un convenio entre a entidade e o Estado, a través da cal a firma recibe investimentos para dotar a todo o territorio nacional de fibra óptica”.

PUBLICIDADE