Petición na Rede para que os medios deixen de facer negocio coa información de traxedias coma a de Angrois

martes, 6 de agosto do 2013 Fernando Sarasketa

Estes dias a Rede semella un fervedoiro de campañas arredor da traxedia ferroviaria de Angrois. Así, á petición para recoñecer co Premio Príncipe de Asturias á veciñanza da aldea compostelá súmase a que promove a colocación dun monumento na súa memoria ou a que esixe a dimisión do presidente de ADIF, entre outras moitas. Pois ben, este martes chegounos á redacción outra máis, desta volta implicando de xeito directo aos moitos medios de comunicación que fixeron uso da traxedia para (alén de informar) ter máis audiencia a toda costa ou vender máis xornais. Esta nova campaña en Change.org vén da man de Carlos González e acompáñase dun titular, No vale todo, que nos fala ás claras do fartas que están moitas persoas de ver como se difunde material sensíbel sobre un accidente coma o de Angrois co único obxectivo de vender máis ou comerlle terreo á competencia. E sen importar as vítimas nin os familiares ou feridos no sinistro.
Os medios de comunicación, dise, non teñen dereito a faltar ao respecto ao sentimento dos afectados. Así nolo conta o propio Carlos González: “Na mañá do 25 de xullo asistín perplexo a como os medios de comunicación penduraban en todas as súas plataformas fotografas e vídeos moi duros sobre a traxedia ferroviaria en Santiago de Compostela, en moitos deles víanse os cadáveres das persoas falecidas e isto ocorría cando ducias de familias aínda non sabían que pasara cos seus seres queridos”. E engade: “Para máis INRI, moitos dos vídeos emitidos polos medios incluían publicidade. Facer negocio en base ao morbo da audiencia non é liberdade de prensa. Acordar se e como deben emitirse certas imaxes non é coartar esta liberdade. É respecto cara ás persoas. A liberdade de información non debe romper o dereito á intimidade e a dignidade das vítimas e dos seus familiares”.

PUBLICIDADE